A chegada do verán para a mocidade obreira galega conduce tamén á chegada, de novo, do traballo estacional e a precariedade. Mentres os empresarios hostaleiros frotan as mans debido aos ingresos extra que percibirán os seus negocios, a nós quédanos iso: as migallas, a renuncia á nosa vida persoal en troques dun salario que non pasa de precario.
A realidade da hostalaría reflicte dous factores que afectan negativamente as condicións materiais da clase traballadora galega. Por unha banda, a organización do sector en pequenas empresas que funcionan a través dos compromisos verbais, do aproveitamento das necesidades das traballadoras, onde a falla de agrupamento que permita o traballo sindical leva á caída no amarelismo ou na resignación por pura supervivencia no sector. Por outra banda, a condición colonial que sofre a Galiza, e que provoca a mudanza da nosa economía cara á terciarización, desaparecendo con ela sectores produtivos moito máis fortes como a industria, porque se non estamos nós a ver quen vai servir as cañas aos madrileños en agosto, sen importar a calidade do emprego que estes sectores xeran (e sen importar a que teñamos que renunciar, por exemplo, á nosa lingua para falar á súa, axustándonos ás súas demandas).
Quen paga as consecuencias, como adoita pasar, é a mocidade (e non tan mocidade) do noso país, que xa está familiarizada con esta rutina: xornada partida e sen dereito a descansar un fin de semana ou un feriado. Deste xeito, en todo momento, os nosos horarios laborais son contrarios aos das nosas familiares e amizades, o que dificulta, aínda máis do habitual, a conciliación entre a vida laboral e persoal.
Como a de tantas outras, a miña vida laboral consistiu, estes últimos anos, en ter unha quenda no medio do día, de 13:00 a 16:00 (que nunca é desde as 13:00, é desde antes, e nunca é até as 16:00, é até máis tarde), o desprazamento até a casa, o xantar e a pouca gana de socializar ou desenvolver algún tipo afección nas escasas dúas horas que restan até a volta ao traballo nunha quenda que dura até a madrugada, descadrando, tamén, os horarios de sono. E volta comezar.
Alén disto, pouco dereito tes a enfermar. E as vacacións? Cando feche o local, é dicir, cando a meirande parte da xente traballa e non se factura tanto, sempre a vontade da caixa da empresa. E as horas extra? Pagadas (se é que se pagan), mais nunca cotizadas.
Ademais, exposte a escoitar por parte xa non só do xefe, senón de certos sectores de opinión, que a xente xa non quere traballar, que hoxe en día a hostalaría non é o que foi. Sería demasiado pedir, a quen ten unha tendencia acumulativa da nosa plusvalía, unhas condicións que nos permitan vivir con dignidade. Así só se logra a concepción inicial de que somos traballadoras sen dereito a reclamar e que, pola concepción clasista de que levamos a cabo traballos non cualificados, debemos aceptar aquel mínimo trato que se nos ofreza. Porque si, cotizas a metade, traballas horas de máis, recibes un salario mínimo, mais mentres sexan nove horas e non catorce, mentres poidas cotizar algo, mentres teñas algún día libre á semana haberá quen che diga que está ben… para ser hostalaría.