Hugo Rei reelixido na Asemblea Comarcal de Compostela

asembleacomarcalcompostela
Asemblea Comarcal de Compostela tras a elección da nova dirección política

A asemblea comarcal celebrada en Compostela elixiu a Hugo Rei e a Xosé M. André como as persoas que estarán á fronte da organización xuvenil do BNG nos vindeiros dous anos nesta comarca. A renovación de responsabilidades prodúcese no marco do proceso posterior á XIV Asemblea Nacional de Galiza Nova, que tivo lugar o pasado 26 de novembro en Compostela. Seguindo os Estatutos de Galiza Nova, despois de cada Asemblea Nacional, as comarcas deben renovar as responsabilidades.

Hugo Rei, Responsábel Comarcal xa no anterior período, volve asumir a responsabilidade comarcal da man de Xosé M. André na responsabilidade de Organización. Por outra banda, Elba Casal asumirá a responsabilidade de Comunicación, así como Bea Pérez asumirá a responsabilidade de Finanzas.

“A Asemblea Comarcal que inicia este novo período aprobou unha liña programática que procura levar o traballo da nosa militancia e as propostas alternativas do nacionalismo galego de esquerdas a aqueles espazos onde a mocidade máis o precisa, do mesmo xeito que se procura que esta mesma mocidade poida ver na nosa organización unha ferramenta útil e necesaria”, declara Hugo Rei.

“Pularemos por chegar á mocidade alá onde se atope, con especial atención nas necesidades específicas de cada localidade”

Un dos propósitos que a comarca vén de marcar é traballar de xeito colaborativo nas distintas localizacións da comarca, procurando reparar nas necesidades das localidades onde a mocidade galega se enfronta cada día condicionada por distintas problemáticas. Hugo Rei explicou que “pularemos por chegar á mocidade alá onde se atope, con especial atención nas necesidades específicas de cada localidade e en todo espazo común que requira da nosa presenza”.

A asemblea contou cunha representación da nova Comisión Permanente de Galiza Nova formada por Alberte Fernández, que vén de ser escollido Secretario Xeral da organización xuvenil, e Claudia Quintela, militante da comarca.