Desde Galiza Nova convocamos o noso primeiro certame de creación de contidos a través de TikTok co gallo de visibilizar e dinamizar a comunidade galegofalante nesta plataforma. En relación coa nosa campaña O galego vai contigo, queremos contribuír ao espazo onde poder expresarnos e consumir contido en galego. Consideramos que as novas plataformas e redes sociais son un espazo onde o galego, e a conciencia do seu uso, deben estar presentes para lograr así unha normalización plena. A mocidade facemos uso e desfrute das redes e polo tanto temos dereito a consumir o seu contido en galego.
Buscamos xente moza que quixer amosarnos por que o galego vai con ela (que relación ten coa lingua, experiencias, anécdotas, preocupacións…). Terán cabida todas aquelas pezas que reflexionen dun xeito ou outro sobre a nosa lingua, xa sexa desde o humor, o didactismo…
BASES DO CERTAME
Obxectivo
- Visibilizar e dinamizar a crecente comunidade galegofalante na plataforma TikTok
- Procurar unha polifonía de voces que poñan en diálogo o porqué do galego. Por que o galego vai contigo?
- Contribuír a dar forma a un espazo onde todas podamos expresarnos na nosa lingua
- Normalización de produción e consumo de contidos en galego nas plataformas e redes sociais de uso habitual
Condicións de acceso
- Empregar como lingua de participación o galego
- Non haberá restricións de idade.
- A temática dos vídeos deberá xirar do uso do galego, sendo válidas todos os enfoques que se lle queiran dar: desde a importancia do uso do galego, situacións concretas de galegofalantes, dereitos lingüísticos, problemáticas que atravesan os neofalantes, explicacións concretas sobre a lingua, etc.
- Quedarán excluídas aquelas propostas misóxinas, racistas, etc. ou que atenten á liberdade lingüística doutros falantes
- Cada participante pode presentar un máximo de 2 vídeos, malia que só se outorgará un premio por persoa.
- A forma de participación poderá ser individual ou colectiva
- Máxima duración 1 min
Período de inscrición e participación
O prazo de presentación dos vídeos comprenderá desde o mesmo día da presentación do certame de forma pública até o domingo 23 de outubro ás 23:59.
- Os vídeos deberán ser subidos á plataforma TikTok
- Deberase mencionar a @galizanova
- Empregar o hashtag #vaicomigo
- Empregar, se o móbil o soporta, o filtro “vaicomigo” que se poderá atopar na páxina de TikTok de Galiza Nova
- Ollo! Unha vez subido o vídeo e até o peche do certame a conta desde a que se suba deberá ser pública para podermos acceder á súa visualización
- Os vídeos que cumpran os requisitos de acceso serán resubidos á conta oficial de @galizanova para favorecer á súa difusión
Xurado
O xurado estará composto por tres creadoras de contido en TikTok en galego: Sara Seco Rial (@sarasecorial), María Rúa Rodríguez (@pradorua) e Iris Gestoso (@irisgestoso). A este xurado sumaráselle a participación dunha representación de Galiza Nova.
Premios
O fallo do xurado farase público a través da mesma plataforma TikTok así como no resto de redes de Galiza Nova na semana do 31 de Outubro. A organización enviará igualmente unha comunicación ás persoas gañadoras.
- 1º Premio. Paquete de xogos en galego:
Ti non es de aquí?
Vacaloura
Virus - 2º Premio. Paquete literario en galego:
As Ramonas de Ana Cabaleiro
O libro negro da lingua galega de Carlos Callón
Non penses nun elefante rosa de Antía Yáñez
seique de Susana Sanches Arins
Estou a estudar português de Valentim Fagim
A Balada dos Unicornios de Ledicia Costas - 3º Premio. Paquete de material:
Semente de vencer: crachá, pulseira e camisola.
Colante GZ
Parche Serea Castelao