a mocidade na liña de fronte co BNG

  • cartaz deseñoA mocidade na liña de fronte co BNG
    Desafiamos os homes de gris e a quen nos condena desde Madrid e Bruxelas a vidas precarias. Queremos decidir o noso futuro, un destino aberto e construído entre tod@s, coa mocidade como protagonista, sen tutelaxes. A mocidade está na liña de fronte do nacionalismo: son centos as mozas e mozos comprometidas que integran as candidaturas do BNG – Asembleas Abertas, un proxecto compartido para erguermos o futuro nesta terra.

Ergamos un País Novo.
Soa unha melodía de moz@s de voces diversas, discursos e ideas disidentes, que pulan por construír un País Novo. Camiñan por unha Galiza devastada e, ao seu paso, a terra tínguese de todas as cores.

É o son revolucionario da mocidade.
É a marcha do cambio, da mocidade que quere mudalo todo, daquelas que emprenden a revolta dos pobos valentes pola liberdade, polo traballo, a vida digna, a vivenda e o dereito a vivir na terra.

Pola Galiza do traballo.
Urxe implantarmos políticas que posibiliten o regreso da mocidade que tivo que emigrar nos últimos anos e impidan que máis xente nova se vexa obrigada a coller as maletas.

Democracia participativa.
Rachemos con dinámicas escuras, fagamos gobernos transparentes e participativos ao servizo do pobo galego. No BNG-Asembleas Abertas apostamos por que a mocidade decida por si mesma, sen paternalismos. Desenvolveremos mecanismos para fomentar a participación activa e directa da mocidade na política e favorecer a autoorganización xuvenil e o asociacionismo.

Igualdade, diversidade, sexualidade, identidades.
Queremos construír unha Galiza de mulleres libres, donas das súas vidas. Por iso consideramos a educación como unha ferramenta clave, para medrarmos aprendendo en igualdade, detectando e combatendo a dominación e violencia machista, aprendendo que nos corpos das mulleres só deciden as mulleres, que o aborto é un dereito e a maternidade non se impón. Queremos vivir unha sexualidade libre, segura e gozosa, sen acoutar identidades, e rematar para sempre coa discriminación e a
criminalización que sofre a mocidade LGTBI.

Con orgullo do noso.
A política cultural municipal debe servir para difundir e apoiar a nov@s creador@s, a produción propia, a investigación, o asociacionismo cultural e a posta en valor da nosa lingua, cultura e patrimonio.

Mobilidade.
O transporte público na Galiza é deficiente. Pulamos por un transporte digno adaptado ás necesidades de cada concello e pola xeneralización de tarxeta con desconto para a mocidade desempregada e estudantado, válida para tren, bus e barco.

#ConcellosBNG
#MocidadeEnBloque

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *