Incremento da represión ao estudantado: até 600 € de multas e detencións de menores!

cartaz_webGaliza Nova vén de denunciar publicamente as sancións económicas que durante esta semana foron comunicadas a sete estudantes de Vigo, d@s cales seis son menores de idade, por participaren nunha concentración pacífica o pasado 22 de novembro contra a violencia policial e as cargas acontecidas na manifestación estudantil que percorreu as rúas de Vigo o día 20 de novembro.

Ante o requerimento do pagamento destas sancións, que van desde os 300 aos 600 euros, o Secretario Xeral de Galiza Nova, Alberte Mera, negou que as persoas denunciadas producisen desordes públicas, tal e como sentenza a denuncia, e que o único que estaban a realizar era participar dunha concentración de urxencia á que asistiron centos de estudantes, pais, nais e representantes dos movementos sociais e do propio BNG.

Desde Galiza Nova rexeitamos este proceso sancionador por inxusto e represivo, aínda máis incomprensíbel atendendo a que a maioría das persoas participantes neste concentración pacífica non obstaculizaron o tráfico, tamén motivo da sanción.

Como negaron as testemuñas presentes e os propios menores que foron retidos pola policía, estes non opuxeron en ningún momento “resistencia leve a ser identificados”, cuestión pola que, segundo a policía, se lles levou ao interior da Comisaría da rúa López Mora de Vigo.

Unha moza de 15 anos detida esta mañá en Vigo ao participar pacificamente nunha mobilización estudantil

A nosa organziación quere expresar toda a nosa solidariedade con Amanda, a estudante de 15 anos que esta mañá foi detida e denunciada pola policía española ao protestar ante a agresividade mostrada polos axentes cando identificaban a outros menores, durante o percorrido da manifestación pacifica desta mañá en Vigo contra os recortes do PP no ensino.

‘O PP está a implantar a doutrina do medo ás e aos máis novos para crear unha sociedade submisa’

O Secretario Xeral de Galiza Nova denunciou a política represiva do PP coa que pretenden implantar a doutrina do medo ás e aos máis novos para crear unha sociedade submisa; e que alén da detención, demostrouse tamén co despregue de medios como varios furgóns, carros e un helicóptero para vixiar a estudantes de ensino medio durante a manifestación estudantil.

Desde Galiza Nova queremos transmitir toda a nosa solidariedade co estudantado sancionado e agredido e denunciamos a actuación das forzas policiais que nos fan revivir o pleno franquismo.