INDIVIDUALISMO E SAÚDE MENTAL

A pandemia do coronavirus non só supuxo unha crise sanitaria, económica e social nas nosas vidas, senón que as medidas empregadas para controlar a propagación do virus supuxeron un freo ás nosas dinámicas sociais habituais. Esta ollada ao illamento supuxo unha mostra dun “distanciamento social” xa coñecido pero que se intensificou nos estratos máis marxinais e inadaptados da sociedade e en persoas con enfermidades mentais graves.

Fronte a forma naturalmente colectiva de existencia, que permite a elaboración de redes de apoio social e psicolóxico, é unha realidade que o pensamento neoliberal avanza da man do individualismo máis radical fomentando a figura do “home emprendedor” baseada en entender ao individuo como unha mini empresa, responsabilizándoo do seu éxito e fracaso e pulando pola competitividade entre as persoas.

E neste contexto déixanse de lado as fórmulas de autoorganización, afectando irremediablemente ao asociacionismo xuvenil, de xeito que a mocidade perdemos espazos onde tecer redes colectivas e avanzamos sen freo cara un illamento persoal que deriva nun sufrimento psíquico por mor da soidade.

Desde unha perspectiva de clase, é necesario analizar esta problemática como unha ameaza colectiva, un reflexo máis do sistema que non é casual nin simplemente cerebral. A raíz política deste malestar psicolóxico require nunha acción colectiva que nos afaste do modelo do home neoliberal, impulsando a creación dun tecido asociativo xuvenil como modo de rachar co individualismo capitalista e ampliar a conciencia colectiva.