O combate das alteracións climáticas é necesario e fundamental para salvar o planeta que habitamos, mais a súa implementación con éxito pasa por combater os intereses instaurados das grandes empresas que se lucran con proxectos trazados a súa medida -porque partimos sempre da premisa de que o que precisamos é de dificultar o acceso de forma burocrática aos medios, en vez de fiscalizarmos debidamente a súa aplicación-. Todos estes intereses, que circulan á volta deste como doutros temas, son, por definición, de natureza fundamentalmente capitalista. Lúcranse coa explotación dos recursos que son de todos nós, deixando un impacto que nos afecta a todas nós, destruíndo un planeta que tamén é de todas.
As malas políticas industriais, e a ausencia de políticas ambientais, resultado de anos de goberno do Partido Popular na Xunta de Galiza, caracterízanse no seu conxunto pola profunda subestimación dos intereses nacionais e populares. A continuidade da planta de ENCE na Ría de Pontevedra, a incentivación do boom eólico, a perigosidade da balsa de Alcoa… constitúen exemplos claros desta lóxica neoliberal. E continuamos a ver como se incrementa a presión sobre os nosos ecosistemas naturais a través de plantas, como a de Altri, que terán, sen ningún atisbo de dúbida, efectos devastadores para a nosa terra (e mar e aire). Unha gran fábrica de celulosa, 10 veces máis grande que a súa análoga en Pontevedra, sedenta de auga e eucalipto proxectada nun punto quente de biodiversidade singular e ameazada. Unha macrocelulosa protexida polo Partido Popular, que ao mesmo tempo ignora ao pobo que, na súa inmensa maioría, non ve un retorno real nese modelo industrial con promesas de xeración de emprego que se quedan en mínimas ou nulas en comparación coas consecuencias que terá a planta na Ulloa e na ría de Arousa.
Todos estes problemas ambientais, que se agravan cada vez máis nesta infreable e cada vez máis patente crise climática, non se resolven exclusivamente apelando á tecnoloxía ou a mercados de consumo verde (i.e. o Lyocell, unha fibra téxtil elaborada a base de restos vexetais a base de máis e máis eucalipto e a costa de máis e máis auga). Cada vez resulta máis evidente a urxencia dunha mudanza de política que se estenda ás esferas social e económica. Precisamos con urxencia de políticas con retorno para o país e con salvagarda das súas necesidades económicas, sociais e ambientais lonxe da explotación dunha lóxica de tipo colonial.
Non precisamos de agasallos envelenados enviados polo demo. E conscientes disto somos cada vez máis colectivos de diversos ámbitos os que berramos alto: “A Xunta non poderá calar todo un país. Altri non!”. Un berro que continúa a chegar a máis e máis xente que se suma a loita por construírmos unha Galiza con futuro lonxe destes proxectos tinguidos de verde que se tornan aínda máis nocivos polas dificultades á hora de combatilos. Así, este domingo 15 de decembro ás 12 horas, en Compostela (da Alameda ao Obradoiro), temos a obriga de rexeitar novamente e de forma masiva este proxecto.