INSUBMISAS E REBELDES CONTRA O TERRORISMO MACHISTA!

Hoxe abrimos os xornais e vemos a unha muller máis asasinada, desta volta na Pobra. Onte foi soterrada Socorro Pérez, unha veciña de Ourense desaparecida hai un mes e, pouco antes, era asasinada nun hospital de Ourense Isabel Fuentes. Xa son 3 as galegas no que vai de ano, o ano pasado foron 7 as asasinadas e desde o 2003 vai medio cento e case 700 no estado español.

Un feminicidio invisibilizado polos poderes públicos, polos medios de comunicación e polo Partido Popular. O que deixa ver que as nosas vidas non teñen a mesma importancia que as asasinadas por outro tipo de terrorismo, pois non hai comparecencias por parte do presidente da Xunta ou do goberno español nin se adoptan medidas urxentes para erradicalo. Non se está a levar a cabo ningún tipo de protocolo nin medidas cautelares de protección. Tan só se gasta o tempo en minutos de silencio completamente baleiros.

Estamos ante un retroceso visíbel non só polo número crecente de asasinadas polo terrorismo machista, se non tamén en que esta violencia se está a producir nun ambiente legal e ideolóxico diferente. Se o interés social nunca foi moi potente cara a violencia machista, agora parece que o está a ser menos. Os medios de comunicación aumentan este descoñecemento e desinterés ao apolitizar e privatizar esta violencia. No caso da muller que se atopou a noite pasada, seguramente será moito máis palpábel este tipo de tratamento ao tratarse dunha traballadora sexual e ser inmigrante.

Estamos fartas de sermos asasinadas e agredidas. Non lle pertencemos a ninguén, non imos ficar caladas mentras as nosas vidas están en perigo, non imos gardar minutos de silencio, sairemos a rúa contra o patriarcado que perpetúa esta sociedade desigual.

Artigo da Asemblea de Mulleres de Galiza Nova