“Intentando quitarnos a forza, déronnola toda” Artigo de Ariadna Segalá

INTENTANT PRENDRE’NS LA FORÇA ENS L’HAN DONADA TOTA – Jordi Cuixart

(Intentado quitarnos a forza, déronnola toda)

Este 14 de outubro de 2019, o Tribunal Supremo non ditou unicamente a sentencia condenatoria a doce líderes independentistas, senón a todo un pobo.

Este acto nada máis confirma a necesidade de avanzar cara a Independencia, e cando o Estado español se dea conta do mal irreparable que fixeron a Catalunya co comportamento adoptado nos derradeiros anos, xa será tarde. E si, considero, a día de hoxe, que a sociedade catalá cada vez está máis concienciada da necesidade de fuxir deste Estado antidemocrático.

A inxusta sentencia do Tribunal Supremo multiplica o malestar catalán e agrava a crise política. Realmente cren que algún día poderán encarcerar as ideas? Estamos falando dun fracaso político en toda regra, no que as presións internacionais fixeron diminuír as penas vingativas que se pedían inicialmente, de rebelión a sedición, todas elas, vergoñentas.

España, Estado democrático? Cen anos aos presos políticos do Procès, entre 12 e 9 anos de penas, mentres que os artífices do 23-F, asalto con armas na man, dos 33 encausados o que máis cumpriu foron 15 anos, o resto, moitos deles absoltos e penas de 1 e 3 anos.

España, Estado democrático? Abuso sexual de 1 a 3 anos; violación de 6 a 12 anos; homicidio de 10 a 15 anos… Manifestarse pacificamente e facer realidade a vontade dun pobo amparándose no dereito a decidir, de 9 a 12 anos.

España, Estado democrático ou Estado fascista? 120.000 fusilados nas cunetas, represaliados e exiliados, nenos roubados, etc…, mentres que o seu ditador descansa nun mausoleo e a súa familia vive a corpo de Rei. Indultos e medallas para os torturadores e vergoña para as familias dos torturados, exiliados e asasinados.

Líderes coma Martin Luther King, Nobel da Paz no ano 1964 despois de toda unha vida de loita destinada á desobediencia activa e pacifica polos dereitos dos afroamericanos, Nelson Mandela, preso 46664 e Nobel da Paz no 1993 despois de 30 anos de encarceramento, o Mahatma Gandhi no 1930 ca Marcha da Sal, entre outras protestes de desobediencia civil pola liberación e independencia da India, son vistos agora coma heroes e referentes dos movementos políticos pacíficos. Todos eles, no ano 2019 en España, compartirían cárcere cos presos políticos cataláns, todos eles líderes dun movemento secesionista pacífico e dialogante.

Como dicía Gandhi, “Cando alguén comprende que obedecer leis inxustas é o contrario á súa dignidade, ningunha tiranía o poderá dominar”.

A historia serve para coñecer e entender o pasado, e ao mesmo tempo, dános ferramentas para afrontar o futuro sen repetir os erros vividos, pero parece ser que España fai oídos xordos ao fatídico pasado ditatorial e represor, e considera que o exilio e o cárcere volven ser as ferramentas para vencer ao pobo sublevado, novamente, o medo e o castigo pasan por diante do inexistente Estado de Dereito.

O que aconteceu hoxe non ha de indignar unicamente aos independentistas, senón a calquera que se considere demócrata, mais que se pode esperar dun Estado amparado nunha Constitución caduca asinada despois dunha longa ditadura e que celebra un xenocidio como o seu día do orgullo patrio?

Francia con Córsega, Italia con Padania, Bélxica con Flandes, Alemaña con Baviera, ou Reino Unido con Escocia e o seu referendo o 2014, realmente España é a única que ten que facer fronte a movementos independentistas? Europa esta chea deles, pero hai unha grande diferenza, e é que eles non fan un circo xudicial nin toman a violencia, medo e castigo para facerlles calar, senón que emanan o DIÁLOGO POLÍTICO E O ACORDO ENTRE NACIÓNS.

Un día máis, os medios de comunicación encheranse de portadas e titulares cargados de odio e vinganza, xunto con potentes mensaxes políticas para alentar a confrontación unha vez máis entre os cataláns e o resto de España, poñendo o fío na agulla desta viaxe de non retorno.

Non hai que renunciar ao futuro, e neste caso, Catalunya, empurrada por España, xa decidiu o seu.
Agora máis que nunca, LIBERDADE PRESOS POLÍTICOS. A LIBERDADE DE EXPRESIÓN E MANIFESTACIÓN NON É DELITO!

Visca la Terra Lliure!

Non é culpa nosa estar nesta situación, pero si será culpa nosa se non facemos nada para saírnos dela. -Malcom X-

Ariadna Segalà, catalana orgullosa, e galega de adopción.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *