O pasado martes 29 de outubro tivo lugar unha das peores DINA que se recordan no sur do Estado español, con consecuencias catastróficas. Nomeadamente no País Valencià: máis de 200 persoas falecidas, centos e centos de desaparecidas, pobos enteiros destrozados e unha causa que predomina sobre todas as demais: uns gobernos que estiveron ausentes, que reaxiron tarde e que se dedicaron a evitar o asunto á vez que o pobo se organizaba para salvarse a si mesmo.
No medio de todo este caos, comezou outra batalla moito máis profunda e, na miña opinión, moito máis perigosa a longo prazo: unha batalla ideolóxica, que avanza á velocidade da luz, e na que a dereita máis ultra e a ultradereita saen absolutamente reforzadas. Así, persoas con millóns de seguidores, creadoras de contido e contas con moitísima influencia e alcance social —especialmente entre a xente nova— están a lanzar a mensaxe de que esta situación non vai de política, que vai da xente, como se a política non fose precisamente diso, das persoas.
Ídesme permitir que discrepe do discurso dominante, pero é que esta situación, como absolutamente todas as demais, si vai, para todo, de política. Vai de que quen nos goberna desenvolva políticas económicas, sociais e ambientais pensadas para as maiorías populares e non para beneficiar as grandes elites económicas, vai de combater un sistema capitalista que pon os seus intereses por riba da vida das persoas —literalmente, ás costas da vida das persoas— e vai de combater o centralismo e gañar capacidade de decisión sobre os nosos recursos e sobre o noso territorio. Vai de soberanía: como imos deixar en ningures a ideoloxía?
As galegas e os galegos sabemos ben do que falamos, por desgraza non é a primeira vez que debemos enfrontarnos a unha situación que destroza o noso país tal e como o coñecemos, que acaba con vidas humanas e que podería ter sido menor, que podería ter sido evitable se quen estaba no poder —quen tiña o poder político na Galiza e en España— tomase as decisións axeitadas no momento correcto, tendo sempre presente a maioría social e o seu beneficio. Falo do Prestige do que van facer agora 22 anos sen que se asuman responsabilidades, falo dos lumes que cada verán arrasan os nosos montes, falo das vítimas de Angrois que tiveron que esperar máis de 10 anos para ver se se facía algo de xustiza coas súas vidas, falo da nula xestión da crise dos pellets en xaneiro de 2024… falo de vidas humanas. E nunca se fixo, nunca se fai e nunca se fará se non mudamos o rumbo.
Mentres todo isto pasa, lúcrase o capital, medra o fascismo e branquéase unha monarquía anacrónica e corrupta que en nada beneficia o noso país nin a nosa mocidade. Refórzase un centralismo que nos afoga, que nos asolaga e que precariza as nosas vidas e nos condena á emigración forzosa. Un centralismo que, naturalmente, non é nin será a solución para poder previr as consecuencias se volve suceder outra catástrofe.
Debemos responder, debemos organizarnos e debemos exixir responsabilidades a quen ten responsabilidades. Que sirva isto para espertarmos, para reclamarmos o que nos pertence: competencias, capacidade de decisión, soberanía nacional e, efectivamente, pulemos por un goberno que sexa quen de xestionalas pondo o foco onde é importante. Saiamos ás rúas, organicémonos para mudalo todo. Porque a forza dun pobo que loita polos seus dereitos é a única garantía do cambio que merece o noso país.