Presentamos o IV concurso Novos Valores 2018

Xa está en marcha a IV edición do concurso “Novos Valores Festigal 2018” para dar a coñecer artistas emerxentes galeg@s e en galego! Queremos seguir abrindo as portas á creatividade de bandas e artistas emerxentes da Galiza e en galego.

“O Festigal aposta pola creación e divulgación de novas creadoras da Galiza no ámbito musical como unha plataforma de artistas emerxentes, porque constitúe dende a súa esencia e orixe, hai xa 15 anos, un espazo diverso e plural que funciona como escaparate da cultura galega”, sinalou Tania Ameneiro, da Fundación Galiza Sempre.

“Nesta cuarta edición do concurso Novos Valores do Festigal 2018 facemos un chamado a bandas e intérpretes para que presenten propostas de calquera estilo musical que canten en galego”, destacou Alberte Fernández, “porque dende Galiza Nova apostamos polo talento do país e pola mocidade, tanto para que teña un festival ao que ir como para que teña un concurso de novos proxectos”. O Secretario Xeral de Galiza Nova, afirmou que o concurso Novos Valores “é unha aposta polo talento do país e pola mocidade que canta en galego”.

Deste xeito, o Festigal contribúe a apoiar a difusión da música en galego que non atopa canles axeitados pola falta de políticas da Xunta encamiñadas á normalización lingüística entre a mocidade.

A BANDA OU ARTISTA QUE GAÑE TELONEARÁ O FESTIGAL 2018 NO PALCO DO 24 DE XULLO Á NOITE!

A banda ou artista escollida polo xurado abrirá o 24 de xullo pola noite o Festigal 2018 ademais de recibir unha achega económica de 300 euros. O certame está aberto á participación de grupos amadores e profesionais, de todos os estilos, que empreguen a lingua galega nas súas letras. O prazo de presentación de traballos é do 11 de abril ao 9 de maio, por medio dunha maqueta e dun vídeo dunha gravación dun ensaio, que o Festigal se encargará de divulgar nas redes sociais. O resultado farase público o 15 de maio.

O xurado está integrado por artistas e profesionais da música como Iria Pinheiro, presidenta da asociación Músicos ao Vivo; Xiana Arias, xornalista e presentadora do programa de música Onda Vital da Radio Galega; Teresa Cuíñas, xornalista cultural e redactora da TVG, Lano Costoya, músico e baixista de Familia Caamagno; e por integrantes da Comisión Festigal como Alberte Fernández, Secretario Xeral de Galiza Nova; Claudia Quintela, Galiza Nova; Navia Rivas, música; Marcos Paino, músico; Tania Ameneiro, Fundación Galiza Sempre.

De esquerda a dereita, varias da integranes do xurado: Tania Ameneiro, Claudia Quintela, Navia Rivas, Marcos Paino e Alberte Fernández.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *