IV Xornadas Feministas de Ordes

Nos últimos anos véñense realizando polo BNG e Galiza Nova diversas Xornadas Feministas na vila de Ordes, tratando temáticas diversas coma o transfeminismo, sindicalismo obreiro, o papel das mulleres nos conflitos territoriais, dereitos sexuais e reprodutivos e acompañados de actuacións, recitais e música en directo. Esta continuidade no tempo débese a un compromiso da organización por achegar o feminismo desde distintas perspectivas á mocidade ordense e sociedade en xeral, normalizando e visibilizando os debates.

Nesta cuarta edición das Xornadas contaremos, para comezar, cunha mesa de mulleres que traballan en distintos ámbitos da arte e con moitos puntos en común entre elas. Laura Romero, veciña de Ordes, licenciada en belas artes, socia da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración, baixista en Zënzar e creadora de “Músicas Galegas Ilustradas”. Patty Castro, creadora e coordinadora do proxecto “Mulleres Galegas Kañeras”, que busca visibilizar o papel das mulleres no terreo musical e o impulso da cultura. MGK son un grupo de arredor de 30 mulleres, de todos os xéneros musicais, que se uniron para rachar cos prexuízos na música. Por último, MJ Pérez, cantautora nada en Arzúa, con xa bastante traxectoria e actualmente unha das novas voces do panorama da música galega.

Logo da exposición de Laura, Patty e MJ, teremos unha mesa redonda para falar dunha das datas máis importantes para as feministas, o 8 de marzo. Este ano, desde o sindicalismo obreiro de clase e o tecido asociativo feminista, estanse organizando multitude de mobilizacións, ademais dunha folga de mulleres que se prevé que sexa un punto de inflexión no camiño para acadar a liberdade e soberanía das mulleres. Desde os puntos de vista das compañeiras da Marcha Mundial das Mulleres, do grupo de traballo de acción feminista do Bloque Nacionalista Galego e a secretaría das mulleres da Central Intersindical Galega, farase unha exposición do contexto internacional, reivindicación e formas de organizar esta data chave.

Rematarase a xornada cun obradoiro interactivo, no que aprender e reflexionar dun xeito participativo. Analizarase como os poderes mediáticos e sistémicos nos impoñen uns roles de xénero moi marcados e como iso inflúe na sociedade individual e colectivamente.

Dende Galiza Nova convidamos a mocidade galega a participar nestas xornadas do sábado 3 de marzo na Casa da Cultura de Ordes, acreditando na formación como unha ferramenta transformadora.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *