LANZAMOS O CONCURSO “NOVOS VALORES FESTIGAL 2015”

Presentamos o concurso “Novos Valores Festigal 2015” para dar a coñecer artistas emerxentes galeg@s e en galego! Queremos abrir as portas á creatividade de bandas e artistas emerxentes da Galiza e en galego, tal e como anunciamos hoxe en rolda de prensa na que participou o cantante e acordeonista Xurxo Souto, Tania Ameneiro da Fundación Galiza Sempre e Alberte Mera de Galiza Nova.

basesConsulta as bases na web festi.gal

“Este concurso vai divulgar novas creadoras e novos creadores da Galiza no ámbito musical, como unha plafaforma de difusión de artistas emerxentes en momentos en que as institucións tratan con absoluto desleixo a creación musical do noso país, recortando orzamentos públicos ao tempo que promoven grandes artistas enriquecidos de fóra”, explicou Tania Ameneiro na rolda de prensa convocada na Galería Sargadelos de Santiago de Compostela.

Alberte Mera, afirmou que o Festigal está “en constante crecemento” e mesmo vén de recibir a distinción como mellor festival galego nos “Premios Martín Códax da Música Galega”, por iso quere dar cabida a proxectar artistas noveis que toquen en galego. En contraposición, lembrou que a Xunta deu 302.000 euros a Enrique Iglesias “por gravar un videoclip sexista que mesmo se está a reproducir sen as imaxes tomadas aquí”, algo semellante fixo a Deputación de Ourense con Alejandro Sanz, “mentres para os grupos de aquí non hai apoio”.

A banda ou artista que gañe teloneará o Festigal 2015 no palco do 24 de xullo á noite!

Así, o secretario xeral de Galiza Nova explicou que “por iso convoca este concurso; para contribuír a difundir grupos emerxentes que fan música galega e en galego”. O premio para quen gañe será abrir o 24 de xullo pola noite o Festigal 2015. O certame está aberto á participación de grupos “amadores e profesionais, de todos os estilos, que empreguen a lingua galega nas súas letras”. O prazo de presentación de traballos é do 6 de marzo ao 6 de abril, por medio dunha maqueta e dun vídeo dunha gravación dun ensaio, que será obxecto de votación por parte do público co método de compartilo na páxina do Facebook do Festigal. “Deste xeito tamén colaboramos para lle dar difusión a eses grupos emerxentes a través das redes sociais”, indicou, “os grupos máis compartidos pasarán a un xurado integrado pola Comisión do Festigal e polo músico e acordeonista Xurxo Souto”.

Na rolda de prensa contamos con Xurxo Souto, quen ademais de tocar un tema asegurou que “Somos un pobo de artistas, a música galega é un patrimonio fundamental baseado na nosa creatividade que se reinventa nestes tempos escuros de crise e de agoiros achega luz e proxecta vida”, afirmou. “Necesitamos que a xente nova achegue o seu berro de vida e de creatividade, porque a música galega pode dialogar con calquera pobo do mundo e con calquera persoa do planeta Terra”, engadiu.

Para Xurxo Souto, “non hai cousa máis bonita que ter un grupo musical, por iso queremos animar a toda a xente a montar un porque a felicidade que se sente enriba do escenario é superior a escoitar o mellor concerto do mundo”.

Dirixiuse a “esa banda de idade de xente nova que recibe constantemente estímulos negativos como os recortes na educación, paro e invisibilidade, que ten ocasión de coller unha guitarra, acender o amplificador e lanzar o seu berro neste tempo e nesta terra, cun discurso rotundo e rachador en clave de protesta ou de beleza”.

“Neste país hai creatividade e hai vida para inventar novas estéticas e novos mundos e o marco de referencia é o Festigal porque non se trata dun programa máis onde se contratan artistas en xira; o Festigal é unha referencia das novas tendencias e camiños da música galega”, explicou o artista. “O Festigal é o centro da creatividade, a palabra máxica fronte á frustación e ás decisións macroeconómicas das que non podemos decidir nin pensar: sempre temos a posibilidade de cambiar o mundo coas nosas guitarras e amplificadores”, concluíu.