lanzamos o concurso ‘novos valores festiGal 2016’

Presentamos a II edición do concurso “Novos Valores Festigal 2016” para dar a coñecer artistas emerxentes galeg@s e en galego! Queremos seguir abrindo as portas á creatividade de bandas e artistas emerxentes da Galiza e en galego, tal e como anunciamos hoxe en rolda de prensa na que participaron Alberte Mera, Secretario Xeral de Galiza Nova, Tania Ameneiro da Fundación Galiza Sempre, Cruz Negreira das Maianas (gañadora da anterior edición de Novos Valores) e o músico Marcos Paino.

consulta as bases en festi.gal

NOVOS-VALORES-01-1“Somos un país de artistas e no Festigal queremos poñer en marcha esta ferramenta de difusión para descubrir novos talentos que fagan música e letras en galego”, sinalou Tania Ameneiro, da Fundación Galiza Sempre. Na presentación pública deste certame estiveron tamén Alberte Mera, secretario xeral de Galiza Nova; Marcos Paino, músico e membro do xurado; e Cruz Negreira, de Maianas, grupo gañador da anterior edición.

Como explicou Alberte Mera, “este concurso vai divulgar novas creadoras e novos artistas da Galiza no ámbito musical en momentos en que a Xunta trata con absoluto desleixo a creación musical do noso país, pois recorta orzamento público para este sector, ao tempo que promove grandes artistas enriquecidos de fóra cunha política cultural afastada da nosa cultura”. “O Festigal rebélase contra estas políticas contrarias á cultura galega e fomenta a nosa identidade e a creación dende a base”, sinalou.

Pola súa parte, Cruz Negreira, animou a participar a todos os grupos que fan música en galego que non teñen canles de difusión para obter recoñecemento, “porque é unha experiencia boísima, axuda a abrir outras portas e a gañar visibilidade no panorama da música galega”. Ademais, agradeceu “o labor de promoción cultural do Festigal para axudar a estas bandas emerxentes, xa que non está a facer dende outros ámbitos”.

A BANDA OU ARTISTA QUE GAÑE TELONEARÁ O FESTIGAL 2015 NO PALCO DO 24 DE XULLO Á NOITE!

A banda ou artista escollida polo xurado abrirá o 24 de xullo pola noite o Festigal 2016 ademais de recibir unha achega económica de 300 euros. O certame está aberto á participación de grupos amadores e profesionais, de todos os estilos, que empreguen a lingua galega nas súas letras. O prazo de presentación de traballos é do 11 de abril ao 26 de maio, por medio dunha maqueta e dun vídeo dunha gravación dun ensaio, que o Festigal se encargará de divulgar nas redes sociais.

O xurado estará composto por artistas e profesionais da música como son Xurxo Souto, Arancha Alfaia, Marcos Paino e “Mini” Rivas, ademais da comisión organizadora do Festigal. O cartaz desta edición está deseñado polo cambadés Emmanuel Joven. As bases do certame pódense consultar na web http://festi.gal

O Festigal está en constante crecemento, os dous últimos anos chegou a cifras récord de asistencia e mesmo recibiu a distinción como mellor festival galego nos “Premios Martín Códax da Música Galega 2015”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *