O pasado 25 de xuño, o Museo de Pontevedra acollía a presentación do cadro «A derradeira leición do mestre», unha das obras máis emblemáticas de Castelao, chegada desde Bos Aires para ser exhibida publicamente na Galiza por segunda vez na historia. No acto, marcado pola ausencia de representación da familia Bóveda, participaron cargos institucionais do Partido Popular, entre eles Rafa Domínguez, candidato á Alcaldía de Pontevedra; José López Campos, conselleiro de Cultura, e Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra. Todos eles desfixéronse en palabras de solidariedade coas vidas que arrincou a ditadura, entre elas a de Alexandre Bóveda.
Iso acontecía o 25 de xuño, mais días antes esta formación política votaba en contra no Parlamento galego, máis unha vez, da institucionalización do 17 de agosto como Día da Galiza Mártir. Votaba en contra da xustiza histórica e do recoñecemento lexítimo a todas aquelas persoas que foron asasinadas por defender a democracia, a liberdade e o dereito lexítimo do noso País a decidir sobre o seu propio futuro.
Velaquí unha nova mostra da hipocrisía do Partido Popular, que só busca branquear a súa imaxe, como xa fixo en 2018 durante o goberno de Feijóo, traendo o cadro á Galiza e vetando a institucionalización do Día da Galiza Mártir.
Como sinalaba Amalia Bóveda no comunicado no que anunciaba que non asistiría á presentación da obra dedicada ao seu pai: “Non se pode honrar e admirar a obra mentres se despreza e vota en contra do motivo polo cal foi creada”.
Vivimos unha contenda pola memoria. Quérese transmitir unha imaxe mansa e desposuída de identidade de referentes como Castelao ou Bóveda, unha imaxe cuxa finalidade é agochar por todos os medios as ideas que defenderon e o proxecto de país polo que traballaron. Loitaron por unha Patria libre de opresión nacional, que puidese auto lexislarse, dona da súa política fiscal e do seu patrimonio cultural, con dereitos sindicais recoñecidos e cunha lingua propia normalizada. Alexandre Bóveda e súa xeración eran a antítese do que é o Partido Popular.
Aínda así, o PP alegaba para negar a institucionalización do Día da Galiza Mártir que o BNG pretende apropiarse da figura de Bóveda, converténdoa no patrimonio exclusivo dunha determinada opción política, en lugar de recoñecela como parte da memoria colectiva de toda a sociedade galega.
Por suposto, o pobo galego ten o dereito (e a obriga) de venerar e reivindicar a figura de Alexandre Bóveda como mártir nacional, como o que verdadeiramente foi: un líder galeguista, un patriota galego, asasinado polo amor e a lealdade incondicionais ao seu País. Porén, é absurdo condenar que as militantes nacionalistas reivindiquemos que somos nós quen recollemos o seu legado, así como o dos seus coetáneos asasinados, torturados, encarcerados e exiliados. Somos herdeiras directas das que lle deron á Galiza ferramentas de autoorganización política e social e que foron semente dunha nación dona de si.
O que xamais poderá acontecer é que Bóveda sexa honrado por quen lexisla coa cabeza en Madrid en contra dos intereses das galegas. Bóveda nunca será honrado por quen nega o dereito inalienábel á soberanía plena e á autodeterminación da Galiza. Bóveda nunca será honrado por quen desenvolve políticas galegófobas e lingüicidas contra o galego. Bóveda nunca será honrado por quen vende a súa terra aos intereses do capital estranxeiro. Bóveda nunca será honrado por quen difama e ataca vilmente a figura de Moncho Reboiras, un mozo que traballou na procura da emancipación das clases populares galegas e foi asasinado a sangue frío pola policía española. Bóveda nunca será honrado por quen é herdeiro do franquismo e por quen venera ao fascista Manuel Fraga, responsábel político de mortes e represión. Bóveda nunca será honrado polos seus verdugos.
Este País precisa deses mártires que crean mundos que os heroes non son quen de concibir para construír autoestima colectiva e conciencia nacional. Precisa dunha tradición propia da que beber e dunha memoria nacional que lle permita saberse parte dunha historia común, entenderse como pobo e tomar conciencia de si mesmo como suxeito político, dotándoo da forza e da coraxe necesarias para defender o seu dereito a decidir e avanzar cara á independencia nacional.
