Rebélate, fala galego

No día de hoxe Galiza Nova presentou a nova campaña nacional de lingua nunha rolda de prensa. Constantemente intentan convencernos de que a nosa lingua é de segunda. “El gallego no vale para nada!” é algo que acostumamos escoitar habitualmente. Nada máis falso ca iso.

O galego non remata no Courel. Hai múltiples lugares do mundo no que podemos comunicarnos falando en galego: Portugal, Brasil, Angola, Mozambique… Son máis de 300 millóns de persoas as que conforman a comunidade lingüística da lusofonía, o que nos dá inmensas vantaxes e posibilidades no contexto internacional. Por moito que nos intenten convencer de que sen o inglés ou o español non imos a ningún lado, co galego podemos achegarnos a nacións e culturas diversas.

O galego é sinónimo de cultura. Nun panorama dominado polos medios de comunicación de masas, facer cultura en galego é un acto de rebeldía. Filmes en galego que logran superar a superproducións de Hollywood, bandas de música que tocan en importantes festivais, escritoras que traspasan as nosas fronteiras… Temos exemplos a esgalla da enorme riqueza cultural que posúe o noso país, de xente que nunca renunciou á nosa lingua a pesar das dificultades e conseguiu posicionarse na primeira liña do panorama artístico.

Pese a isto a nosa lingua está a vivir un tempo escuro. A lexislación española apoiada polas políticas da Xunta do Partido Popular busca eliminar todos os nosos sinais de identidade e arrasar cos trazos que nos diferencian como nación. Na Galiza non temos garantidos os nosos dereitos lingüísticos a pesar de que hai sectores que teiman en falar dunha suposta imposición do galego. Son moi abundantes os casos nos que non temos acceso a exames en galego, no que temos que recorrer ao castelán para axilizar trámites administrativos, ou nos que temos que renunciar á nosa lingua para conseguir un emprego.

Falar galego é algo normal, falar galego é falar o idioma do noso país. Por moito que nos intenten enganar, falar galego non separa, falar galego une. Mais non hai maior acto de rebeldía que falar en galego sempre. Nas aulas, nos postos de traballo, coa familia, coas amizades. É o único xeito de garantir a supervivencia do noso idioma. Fronte a un sistema que busca eliminar os nosos trazos distintivos:

REBÉLATE, FALA GALEGO!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *