Non se pode habitar unha casa que non foi deseñada antes. Se o nacionalismo galego logrou manter intacta a posibilidade de sermos un país libre, foi porque nos momentos de maior escuridade houbo quen decidiu tecer as letras necesarias para nomear esa utopía. A nosa literatura é a pegada da nosa historia, son os alicerces que construíron as bases do nacionalismo e que algún día se transformarán nunha República Galega.
Falar da nosa literatura e da nosa lingua non é unha cuestión menor, se fose así, non terían sido nunca ocultadas. Tecer letras foi a nosa primeira forma de autodefensa e proxección, foron os altofalantes que describían a nosa opresión e que buscaban definir os camiños para superala. A literatura galega é a nosa memoria e nós non queremos esquecer.
Esa mesma vontade de impugnar a realidade foi a que guiou a compañeira Begoña Caamaño. Cando ela escribía, facíao para rachar cos relatos hexemónicos do patriarcado e do poder, collendo os mitos de sempre e dando a volta á historia para pór as mulleres no centro, dándolles o lugar de que foran conscientemente apartadas. Deste xeito, a nosa literatura é quen de derrubar o imposto e iniciar transformacións cara a un horizonte de liberdade, por iso é tan temida.
Hoxe, como mocidade, o noso deber é coller ese relevo e pasar á ofensiva. O futuro do galego e da nosa nación non se vai garantir a través da pasividade nin exclusivamente a través das institucións. Temos que facer da lingua unha ferramenta de loita cotiá e un dique de contención contra o sistema. O galego só se salvará mediante a confrontación directa cun Estado que nos nega o dereito a existir e decidir. Precisamos vernos reflectidos nas referentes que entenderon que falar e vivir na nosa lingua non é unicamente un acto de amor polo noso pobo, é tamén un acto de resistencia.
Para min, un dos mellores exemplos que resume esta idea está recollido nun dos poemas que nos agasallou Luz Fandiño, que, con apenas sesenta e dúas palabras, consegue transmitir o poder das letras:
A vida en si é unha loita,
mais eu prefiro morrer viva
que vivir morta.
Sentir como, diante da inxustiza,
o meu sangue se axita e ferve
e a miña lingua non cala.
Coa miña memoria e as miñas verbas
eu quero tecer soños,
quero voar coas ás das utopías.
Sentir que, diante da dor allea,
non aniñou, en min, a indiferencia.
