Letras Galegas 2022

Letras na Galiza. A emigración trunca a nosa cultura

 

Hai 86 anos, Florencio Delgado Gurriagán convertíase en emigrante. En 1936, o bando franquista penetraba no noso país e milleiros de persoas procuraban pórse a resgardo da represión. As vidas destas persoas ficaron conxeladas no seus lugares de orixe, e puideron ir desxeando ao chegar a outros onde comunidades solidarias as acolleron.

Nos últimos anos, milleiros de galegas abandonaron Galiza por necesidade; porque ás veces marchar é a única opción cando aquí mocidade é sinónimo de precariedade, temporalidade, estacionalidade e vulneración dos dereitos laborais.

Coñecemos as implicacións económicas e demográficas que o fenómeno da emigración supón para o país, mais é igualmente importante a repercusión social e comunitaria que implica abandonar o lugar en que te visualizaches vivindo. Máis cando es expulsada por non poder desenvolver a túa vida coas mínimas garantías (o pan, o traballo e o teito mais tamén a educación, o lecer e a participación). Cada vez que unha moza ten que saír á procura dun futuro mellor, a asociación cultural en que participa perde unha socia, o galego unha falante ou o sindicato unha afiliada e activista.

Este 17 de maio queremos pór o foco na emigración; porque marchar por necesidade é, ademais dun drama persoal, un drama comunitario; porque o normal desenvolvemento da nosa cultura vese truncado cando faltan as persoas que a estimulan.

Mudemos as condicións para podermos ter un país vivo, cunha cultura dinámica e unha mocidade presente!

Loitemos porque as letras poidan permanecer na Galiza!