LGTBIfobia fóra da Galiza

Hoxe é día de loita. Ademais de reclamarmos o dereito a vivir en galego sen límites, tamén demandamos o fin da LGTBIfobia. O 17 de maio do 1990 a Organización Mundial da Saúde deixou de considerar a homosexualidade como unha enfermidade psiquiátrica, marcando esta como a data contra a LGTBIfobia. Con todo, non esquezamos que este mesmo organismo aínda considera a día de hoxe a transexualidade como un trastorno, patoloxizando a identidade das persoas trans.

As persoas LGTBI enfrontámonos a agresións constantes no noso día a día. Dende brincadeiras “inocentes” a ataques máis directos coma o bus transfóbico de Hazte Oír que nos visitou hai uns días. Precisamos unha educación sexual digna nos colexios, que eduque ás nosas crianzas libres de prexuízos moralistas; e tamén unha actuación clara contra o bullying que sofren nas escolas as adolescentes LGTBI, que nos casos máis dramáticos remata incluso co suicidio. Temos dereito a ser atendidas en igualdade de condicións na sanidade pública, garantindo o acceso aos tratamentos que sexan precisos, sen que se infravaloren as nosas problemáticas e cun trato profesional e libre de prexuízos LGTBIfóbicos.

Precisamos unha lexislación firme e clara que garanta os nosos dereitos e que poña fin a calquera discriminación por mor da nosa identidade de xénero ou orientación sexual cun réxime sancionado para os delitos de odio, e non só leis baleiras de contido coma a Lei 2/2014, pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galiza que rematou por ser un xeito de ofrecer unha imaxe comprometida coa loita mais sen que ese compromiso fose real. Asemade, reiteramos o noso apoio á aprobación dunha Lei Galega de Identidade de Xénero que recoñeza os dereitos da comunidade trans.

LGTBIFOBIA FÓRA DA GALIZA!

O NOSO ORGULLO É A NOSA LOITA!