Na última semana a conflitividade e as tensións no Sáhara Occidental aumentaron a raíz dun ataque armado por parte de Marrocos no paso do Guerguerat. Este ataque rompe de maneira clara un alto ó fogo que estaba en vigor, non sen dificultades, desde hai tres décadas.
O certo é que o conflito só se pode entender no contexto do imperialismo e colonialismo europeo, en concreto o colonialismo español. De feito, é o Estado español o que provoca o conflito por negarse no seu momento a unha descolonización efectiva e pactada. No canto disto, abandonou o territorio, permitindo así que Marrocos o ocupase pola forza.
O Estado español segue sendo o administrador do Sáhara Occidental (polas sucesivas resolucións da ONU). Porén, os gobernos españois, tamén o actual, levan décadas non querendo involucrarse neste conflito e dando prioridade ós intereses económicos nas relacións coa monarquía de Rabat.
Neste contexto, a guerra xorde precisamente da resistencia do pobo saharauí a unha nova ocupación, unha guerra intermitente cun alto ó fogo en 1991. Dito alto ó fogo incluía a promesa dun referendo de autodeterminación na antiga colonia. Pasaron case 30 anos e nin o Estado Español, nin Marrocos nin a ONU volveron falar do asunto do referendo, e Marrocos non se retirou das zonas que ten controladas pola forza. Durante estas tres décadas houbo saqueos, ataques arbitrarios, desprazamentos en masa e demais agresións que fixeron que moitos saharauís se visen forzados ó exilio ou a ir a campos de refuxiados onde a situación é cada vez máis difícil.
Non sorprende coñecer que no territorio hai recursos mineiros e enerxéticos valiosos, como son os fosfatos, ferro, petróleo e gas, recursos pesqueiros ou a propia importancia xeoestratéxica do territorio. Unha vez máis, os intereses do imperialismo están claros: importa máis a riqueza que as vidas humanas.
Con este ataque no paso do Guerguerat a situación vólvese moito máis delicada e o perigo de guerra é moito maior. Trátase dunha intervención ilegal en Guerguerat por parte do Reino de Marrocos, un atentado directo contra a soberanía do pobo saharauí. Ante este suceso, vemos un papel pasivo para resolver o conflito por parte da ONU, así como a complicidade española e da UE con Marrocos. O Estado español e a UE non cesaron o seu apoio económico, político e militar o goberno de Marrocos. A solución a este conflito pasa pola convocatoria dun referendo de autodeterminación que poida culminar coa independencia da República Árabe Saharauí Democrática (RASD).
A SOGAPS (Solidariedade Galega co Pobo Saharauí) e a Delegación Saharauí na Galiza veñen de convocar mobilizacións. Desde Galiza Nova, como organización internacionalista, queremos amosar a nosa solidariedade co pobo saharauí e o noso compromiso co dereito á autodeterminación dos pobos e a defensa dos valores democráticos e da paz, a única maneira de construírmos un mundo mellor. Por iso, chamamos á mocidade galega a participar das concentracións que terán lugar en vilas e cidades de todo o país.