Ligar a solidariedade con Palestina coa loita anti-imperialista. Artigo Daniel Sussman

Daniel Sussman

Levamos máis de dous anos mobilizándonos contra o xenocidio sionista contra o pobo palestino. Trátase dunha dinámica que no noso país tivo unha consistencia significativa ao longo destes anos, por estar articulada desde o noso marco nacional, coas expresións de masas do soberanismo galego como dinamizadoras e cunha mensaxe claramente anti-sionista e anti-imperialista.

A amplitude destas mobilizacións, aínda que tamén poida estar influída en certa medida polos vaivéns da axenda mediática, axuda a abrir fendas nas propias sociedades do «Norte» mundial, fronte aos consensos fabricados baseados na crenza de que as democracias liberais occidentais serían supostamente representativas dos dereitos humanos, a paz ou a democracia. Unhas fendas que poden ser aproveitadas polas forzas anti-imperialistas como o nacionalismo galego, para facermos avanzar o noso discurso sen edulcoralo.

Agora ben, o carácter amplo e masivo da solidariedade con Palestina, mais ao mesmo tempo, o carácter cuantitativamente máis reducido das posicións dotadas dunha perspectiva anti-imperialista integral, impón precisamente unha serie de tarefas para o avance destas posicións. Ese carácter amplo e masivo da solidariedade con Palestina, débese a que o xenocidio —así como a ocupación e a colonización que están na esencia do ente sionista de Israel desde a súa fundación— é unha das manifestacións máis visíbeis e facilmente perceptíbeis da barbarie imperialista contra os pobos do mundo. Porén, é común no progresismo occidental, unha solidariedade entendida meramente como un «moralismo cristián» e «humanitarismo» propio das ONG, porque teñen a imaxe das palestinas como un pobo débil e indefenso.

Diante deste panorama, en boa medida como xa vimos facendo ao longo destes máis de dous anos, cómpre defendermos a resistencia e a lexitimidade de todos os seus métodos de loita, que é quen situou de novo a cuestión palestina en primeiro plano. Do mesmo xeito, comprendermos o rol do proxecto colonial sionista como base do Occidente imperialista e nomeadamente das potencias hexemónicas, primeiro do Reino Unido e logo, en particular após a II Guerra Mundial, dos EUA, para os seus intereses na rexión. Nesa mesma liña, situarmos Palestina dentro dun contexto rexional máis amplo, tendo en conta a tendencia ao expansionismo colonial do sionismo que pretende construír o seu «Grande Israel», mais tamén que as forzas na rexión que exercen de soporte real da resistencia palestina e que fan fronte ás agresións do sionismo e do imperialismo, son máis amplas, aínda que en varios aspectos estean ideoloxicamente afastadas das nosas posicións, o cal tamén acontece con sectores da propia resistencia palestina. Por outra banda, a defensa do desmantelamento do Estado sionista de Israel e a construción dun único Estado palestino desde o río Xordán até o mar Mediterráneo, como única solución real para a cuestión palestina, fronte ás falsas solucións promovidas polo imperialismo e as súas institucións internacionais, que só pretenden un avance máis silencioso da colonización sionista sen que ninguén lle faga fronte e sen a presión internacional.

En definitiva, facendo todo isto, estamos contribuíndo a vencellar a solidariedade con Palestina cunha perspectiva claramente anti-imperialista. Porén, cómpre irmos máis alá para completar e consolidar esa perspectiva anti-imperialista, identificando ao imperialismo como o maior inimigo da humanidade e o principal sostén da reacción e o mantemento do sistema capitalista a nivel mundial. Así como falamos da Palestina e a propia Galiza (aínda que nun contexto ben diferente) tamén é unha nación oprimida e colonizada polo Estado español, o imperialismo é un sistema que articula a opresión nacional a escala global, onde un pequeno núcleo de estados centrais e as súas clases dominantes viven do saqueo e a drenaxe da riqueza do resto do mundo, aínda que na actualidade, na maior parte dos casos, os países suxeitos á opresión imperialista sexan formalmente independentes. Nese sentido, o bloque imperialista liderado polos EUA, é o organizador dese sistema, configurando a chamada «orde internacional baseada en regras» por medio de múltiples mecanismos e estruturas como a OTAN, a UE, o FMI, o Banco Mundial etc.

Esa división centro-periferia característica do sistema imperialista mundial ten varias consecuencias. Entre elas, que a explotación sistemática dos recursos naturais e a man de obra barata da periferia, bloquea o desenvolvemento autocentrado nestes países, ao mesmo tempo que é un mecanismo usado para sortear a crise capitalista e estabilizar o sistema nas sociedades centrais, por exemplo permitindo un nivel de consumo relativamente elevado nas súas poboacións. Por outra banda, sitúa no centro a necesidade da soberanía dos pobos fronte ao imperialismo, por que a cuestión nacional non se reduce ao terreo formal. A soberanía é defendida polo nacionalismo galego para Galiza fronte ao Estado español, mais tamén o fai —correctamente— para Galiza e os pobos do mundo fronte ao sistema imperialista mundial, en boa medida por que o nacionalismo galego contemporáneo tivo historicamente como fonte de inspiración os procesos revolucionarios anti-coloniais e anti-imperialistas da periferia.

En liña co anterior, cómpre sermos conscientes do lugar que ocupa a Galiza no mundo, para facermos avanzar o noso proceso de liberación nacional diante do contexto mundial en que nos encontramos, sermos quen de apoiar as loitas anti-imperialistas no mundo e posicionármonos correctamente diante dos conflitos internacionais, comprendendo as raíces sistémicas da escalada bélica actual e confrontando o imperialismo e o seu relato dominante. Así pois, a Galiza ocupa o lugar de periferia do centro imperialista, sendo colonizada polo Estado español, mais tamén está integrada (aínda que de maneira subordinada) nas estruturas do bloque imperialista, como a OTAN e a UE. Dito bloque imperialista é o principal causante da escalada bélica en curso nas súas diversas frontes, na súa procura de sortear a crise sistémica e a relativa decadencia da súa hexemonía, por medio da guerra para manter e agudizar o saqueo do resto do mundo, mais ao mesmo tempo enfrontando crecentes resistencias e cuestionamentos. Polo tanto, a tendencia belicista non se debe só a uns dirixentes especialmente reaccionarios (por exemplo, Trump nos EUA) senón que segue un patrón sistémico. Así mesmo, se falamos da Palestina, é preciso reparar en que existe un vector común entre o xenocidio sionista e outras frontes bélicas e de agresión contra os pobos, xa que teñen o mesmo organizador.

Do mesmo xeito, en coherencia co lugar que ocupamos no mundo, debemos evitar a falsa dicotomía  entre «democracia» e «autoritarismo», que é usada contra os procesos e países contrarios aos ditados imperialistas e que son alvo das súas agresións, xa que non debemos focalizarnos principalmente nas exixencias supostamente democráticas a estes procesos e países. As ditas exixencias só servirían para ir á zaga do relato dominante e lexitimar as agresións imperialistas. A nosa tarefa é o combate ao bloque imperialista e ao Estado español como parte do mesmo, que son os garantes da nosa opresión, así como da opresión do resto do mundo. Aliás, eses estándares «democráticos» que toman como referencia as democracias liberais occidentais, son usados contra calquera proceso que aspire a mudanzas profundas alén do turnismo electoral, como pode ser o noso proceso de liberación nacional, xa que a República galega pola que loitamos, precisará usar o poder político contra o imperialismo e os sectores reaccionarios.

En definitiva, a República galega independente, soberana e ao servizo das clases populares pola que loitamos, non ten cabida dentro das estruturas imperialistas internacionais como a UE e a OTAN. Ese é o noso mellor contributo a un mundo en paz e de nacións soberanas en pé de igualdade. Nese camiño, debemos defender a desestabilización e o debilitamento do bloque imperialista, entendendo que iso pode criar mellores condicións para o noso proceso de liberación nacional contra o Estado español, do mesmo xeito que o noso proceso de liberación nacional tamén pode contribuír a esa desestabilización e debilitamento.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *