Este 17 de maio, Día das Letras Galegas, rende homenaxe ás cantareiras e ao cancioneiro popular galego, recoñecendo por fin o papel fundamental das mulleres na transmisión da nosa cultura e lingua. A Real Academia Galega salienta así o labor das cantareiras Adolfina e Rosa Casás, Eva Castiñeira, e Manuela Lema, Teresa García, Prudencia e Asunción Garrido, en representación das moitas gardiás dun saber común que sobreviviu grazas á transmisión oral de xeración en xeración.
A tradición oral galega é un patrimonio colectivo, un saber herdado das devanceiras. As mulleres foron, durante séculos, as principais transmisoras desta memoria, compartindo coplas, cantigas e refráns nas festas, nos traballos do campo e nos encontros familiares. Por tanto, convén mencionar o valor da lingua na tradición oral, lingua coa que nos expresamos, coa que partillamos as experiencias e facemos colectividade.
A historia da lingua galega é, en boa medida, a historia dunha resistencia silenciosa, teimuda e colectiva. Durante séculos, o galego foi excluído dos espazos oficiais, prohibido nos textos escritos e relegado a unha posición subalterna fronte ao castelán. Mais, lonxe de desaparecer, encontrou nas voces do pobo, e moi especialmente nas das mulleres, un refuxio seguro onde sobrevivir e medrar. Do mesmo xeito, a lingua galega foi a chave para manter viva a cultura e a memoria do pobo. Hoxe, máis ca nunca, cómpre reivindicar o uso exclusivo do galego no noso cancioneiro, deixando a un lado e desbotando as coplas en castelán ou castrapo, pois só así garantimos a autenticidade e continuidade da nosa tradición. A lingua é o primeiro elemento en perigo de extinción. Sen ela, todo o que a rodea está ameazado. A tradición oral galega, e especialmente as coplas das cantareiras, foron e deben seguir sendo galegas. Non é escusa o feito de recollérmolas en castelán sen termos en conta o contexto de presión e dominio desta lingua dominante. Con todo, é preciso abandonarmos dunha vez por todas a diglosia, ferida que empapa as lembranzas das nosas antecesoras, a quen batían na escola por falaren galego. Non podemos seguir reproducindo esa subordinación lingüística, nin no cancioneiro nin en ningún outro ámbito.
Por iso, abandonarmos a diglosia é tamén unha forma de recoñecer e honrar o esforzo das devanceiras e de asegurarmos que a nosa lingua siga sendo o corazón da nosa cultura. Sen máis, a responsabilidade de recoller, custodiar e revitalizar este patrimonio común, recae en nós. A normalización do galego, especialmente cando se utilizan os cancioneiros en contextos pedagóxicos, non é unha opción, senón unha obriga para garantirmos a autenticidade e continuidade da nosa tradición oral.
Así mesmo, convén reflexionarmos acerca do panorama musical galego e a situación lingüística. Se ben podemos considerar que nos encontramos nun momento de auxe da música en galego, non podemos esquecer a importancia de coidar a nosa lingua. Pois, numerosos grupos e artistas que comezan a facer música en galego, a miúdo empregan o castelán nas súas comunicacións internas e na súa vida cotiá, feito que evidencia o conflito lingüístico e cultural da Galiza. O mesmo pasa en moitas agrupacións folclóricas, nas que malia o aumento de persoas inscritas en aulas de baile ou de pandeireta, non incrementa a conciencia lingüística das persoas que acoden ás mesmas. Non podemos caer na folclorización da nosa tradición, entendida esta como a musealización e redución da tradición a un espectáculo sen transfondo, porque isto acrecenta a situación de emerxencia da nosa lingua.
A música tradicional galega, coa súa diversidade e riqueza, constitúe unha proba innegábel da vitalidade e da singularidade da nación galega. A pesar dos intentos de folclorización que pretenden reducir esta expresión cultural a algo estático ou meramente decorativo, o fenómeno musical segue a ser un espazo vivo de encontro e unión das identidades colectivas. No caso galego, o estudo da música tradicional pon de manifesto a importancia de recoñecermos a realidade nacional da Galiza, estreitamente ligada á tradición oral e á transmisión interxeracional do patrimonio. Así, a defensa e posta en valor deste patrimonio común convértese nun piar fundamental para a liberación nacional e social, xa que fortalece a conciencia colectiva e o sentido de pertenza ao noso país.
Doutra banda, non abonda con celebrar a nosa cultura só no Día das Letras Galegas. As cantareiras estivemos e estaremos sempre, mantendo viva a nosa tradición. Por iso, cómpre exixir que os organismos públicos —desde a Xunta até os concellos— demostren un compromiso real e continuo coa cultura galega, apostando por ela durante todo o ano e non só nestas datas sinaladas.
Hoxe, e sempre, cómpre lembrarmos que falar galego, cantar en galego e transmitir en galego, son actos de resistencia e de amor pola nosa cultura. É unha forma de honrarmos a memoria das mulleres que, sen nome nin recoñecemento, fixeron posíbel que a nosa lingua chegase até nós. Non lles debemos só palabras: debemos continuar o seu labor, sen concesións, para que as xeracións futuras poidan recibir unha lingua viva, digna e íntegra.
Por tanto, nesta celebración das Letras Galegas, reivindiquemos o papel das cantareiras e da muller na tradición oral, apostando por unha recuperación íntegra e en galego do noso cancioneiro popular. Só así manteremos viva a chama da nosa identidade e cumpriremos coa obriga de coidar e transmitir o saber común que nos une e nos define. Porque sen lingua, sen galego, non hai memoria nin futuro. Sen lingua, non hai creación colectiva nin cultura viva. E sen isto, non hai país.
Xa nolo dixo Rosalía en Cantares galegos (1863):
Cantarte hei, Galiza,
na lingua galega.