‘Lixo? Non, grazas’ Artigo de Elvira Blanco

Elvira Blanco. Foto de Carmela Queijeiro
Elvira Blanco. Foto de Carmela Queijeiro

O cancro de SOGAMA segue a estenderse por todo o país. Segundo vai minguando a capacidade da planta de Cerceda, son máis as localizacións nas que se pretende soterrar e queimar toneladas e toneladas de lixo. O último proxecto é o de Lousame, no alto da Serra do Barbanza, unha vez máis, sen ter en conta os efectos que un macrovertedoiro destas características pode ter na biodiversidade da zona.

É evidente que o home tivo e ten un papel importante na extinción de especies, e as principais causas desta perda de biodiversidade agrúpanse nas siglas HIPPCO, polas súas iniciais en inglés: perda de hábitats (Habitat loss), especies invasoras (Invasive species), contaminación (Pollution), aumento da poboación humana e incremento no uso de recursos (Population growth), cambio climático (Climate change) e sobreexplotación (Overexploitation).

A contaminación parece ser a causa máis evidente relacionada co macrovertedoiro. O aumento de substancias químicas no ambiente como resultado das actividades humanas supón cambios nas condicións naturais para o desenvolvemento das especies. A contaminación de aire, solo e auga afecta directamente á supervivencia das especies. É un caso bandeira o das abellas: o 20% das colonias de abellas que poliniza o 33% dos cultivos morre cada ano debido a un uso excesivo de praguicidas, os cales afectan tamén anualmente a 67 millóns de aves e a entre 6 e 14 millóns de peixes.

vertedoiroPodedes imaxinar o que pasará coa fauna mariña da ría de Muros e Noia de se instalar esta “Planta de xestión de residuos” xusto no punto onde nacen numerosos regatos que nutren a ría?

Pérdense especies ao transformar ecosistemas naturais en campos agrícolas, gandeiros, presas, estradas, zonas urbanas ou, neste caso, nunha superficie estéril na que se pretende soterrar 100.000 toneladas de residuos tóxicos e non tóxicos [sic]. Ademais da desaparición de especies, calquera modificación que fagamos nun hábitat pode propiciar o asentamento de especies invasoras que depredan e compiten coas especies nativas, transmiten enfermidades e modifican o medio, causando importantes problemas ambientais, económicos e sociais.

Os efectos deste macrovertedoiro e doutros que se poidan proxectar en Galiza serán maiores canto maiores sexan a poboación humana e o consumo de recursos. En tanto o número de seres humanos siga a medrar de forma exponencial e con respecto 0 polo medio, a metástase do modelo SOGAMA seguirá a ser un perigo inminente.

Todos estes factores débense ás actividades humanas, si, pero as súas causas subxacentes son sociais (por que a sociedade prefire manter a súa comodidade a expensas do medio ambiente?, económicas (a quen lle compensa que se constrúa o macrovertedoiro?) e políticas (por que non existen leis que impidan tremendos ataques contra o medio ambiente?).

Segundo a Dirección Xeral de Conservación da Natureza, en Galiza son xa 8 as especies extintas. Ademais, están documentadas outras 65 especies (40 de flora e 25 de fauna) en risco de extinción, e a súa conservación non dependerá de protexer as especies por separado. Dependerá de que protexamos os hábitats en que estas se desenvolven, as comunidades enteiras.

E por que debemos evitar a extinción das especies? Unhas razóns son máis claras ca outras:

– Económicas: as especies subministran recursos naturais (comida, combustible, madeiras, medicinas), ofrecen servizos valiosos (polinización, dispersión, descontaminación, osíxeno) e axudan a soster as economías humanas, non só co emerxente ecoturismo, senón en sociedades como a galega, na que o sector primario é o piar económico de moitas comarcas. Que pasaría nas rías baixas se desaparecesen todos os bancos marisqueiros?

– Ecolóxicas: a conservación das especies mantén as funcións ecolóxicas dos ecosistemas. Por exemplo, as zonas húmidas realizan unha función importantísima, que é a de reserva e depuración da auga. Se se secase ou contaminase unha zona húmida, as consecuencias para as poboacións próximas serían terribles.

– Estéticas: os bosques, as selvas, os estuarios e as rías en bo estado de conservación proporcionan satisfacción á nosa necesidade de beleza, convertendo os ecosistemas ben conservados en imáns para un turismo sustentable.

– Éticas: todas as especies teñen dereito a permanecer no planeta, a gran maioría estaban aquí antes ca nós.

De todo isto o que extraio eu é que coa instalación do macrovertedoiro en Lousame non só se van perder numerosas especies na comarca, senón que toda a poboación se vai ver afectada por este feito, a curto e a longo prazo. E é deber de todas parar esta monstruosidade, coas ferramentas que teñamos ao alcance das nosas mans.

Elvira Blanco é a responsábel da Asemblea Comarcal de Galiza Nova da Barbanza, bióloga e veciña de Ribeira.