Continuamos a loitar por un #EntroidoFeminista!

Ademais da hipersexualización do corpo de mulleres e nenas que vemos con demasiada frecuencia, o patriarcado conta con outras maneiras de estar presente durante o Entroido.

No cambio de identidades que ten lugar nestas festas son moitos os homes que aproveitan para caracterizárense coa aparencia de muller; e moitos destes casos rematan fomentando a misoxinia pola caricaturación que poden chegar a facer. Isto pode levar consigo asemade unha importante transfobia, ao facer burla e ridiculizar ás compañeiras trans. Tamén as actitudes homófobas e plumófobas teñen excesiva presenza. Todos estes son uns actos supostamente subversivos e acaban por provocar que o machismo e a LGTBIfobia se perpetúen mediante as brincadeiras e o humor.

Cómpre termos presente a loita das persoas trans, para quen vestirse de home ou muller non é un motivo de simple diversión. Asumir unha identidade de xénero diferente á estabelecida polo sistema cisheteropatriarcal e mostrala abertamente á sociedade rachando cos roles supón o risco de converterse en obxecto de violencia psicolóxica, agresións físicas ou incluso a morte, coma o caso do brutal asasinato da activista turca Hande Kader no pasado verán.

Non permitiremos que baixo a escusa do humor e a diversión se nos ridiculice, o Entroido non pode ser un pretexto para a transfobia e o machismo.

O Entroido é noso!