Folga 24nov2016Galiza Nova apoia a folga estudantil do 24 de novembro convocada por Eguer Estudantes da Galiza en todo o ensino medio e chama a mocidade a mobilizarse nas manifestacións que haberá en Galiza pola derrogación da Lomce e as reválidas.

Galiza di NON Á LOMCE, non ao modelo educativo franquista, non ao ensino dogmático, relixioso, españolizador e para elites, non a quen pretende acabar co carácter público, inclusivo e gratuíto do ensino.

QUE SON AS REVÁLIDAS?

Son exames ao final de curso que será necesario aprobar para ter o título da ESO e Bacharelato. O estudantado xógase nun só exame a superación de toda unha etapa educativa, pois para pasar ao Bacharelato ou á universidade só se contará o exame de reválida e non se terán en conta as cualificacións das avaliacións continuas realizadas ao longo dos cursos.

Hai 4 reválidas, situadas ao final de cada ciclo educativo. Dúas en primaria, unha ao final de 4ºESO e outra ao final de 2ºBacharelato. As probas serán dirixidas e corrixidas por profesorado alleo aos centros de ensino, eliminando así a posibilidade da avaliación continua e que se valore a mellora progresiva do alumnado, facendo que o seu futuro dependa unicamente dun exame.

SE APROBO O CURSO MAIS SUSPENDO O EXAME DE REVÁLIDA… OBTEÑO O TÍTULO?

Non. Esta é a diferenza fundamental coa selectividade actual. Ao rematar o curso deberás presentarte á reválida tanto para acceder á universidade como para obter o título de Bacharelato.

QUE PRETENDE O PP COAS REVÁLIDAS?

Coas reválidas retoman o modelo franquista e centralizan o sistema educativo:

-expulsa do sistema educativo a aquelas persoas que suspendan un simple exame, eliminando a avaliación continua.

-os contidos destes exames son elaborados desde Madrid e por tanto eliminan todas as nosas particularidades no ensino: a nosa lingua, historia, cultura…

CANDO COMEZARÁN A APLICARSE?

As reválidas entraron en vigor este ano, mais a súa aplicación completa farase o ano que vén, funcionando a reválida de 2º de Bacharelato deste ano como proba de acceso á universidade. Pero o próximo curso comezarán a aplicarse na súa totalidade se non o impedimos, afectando ao estudantado de cursos seguintes, comezando polo que se atopa na actualidade en 1º de Bacharelato.