Galiza Nova xa denunciou no mes de febreiro a agresión machista por parte do profesor Luciano Méndez Naya a unha alumna da USC. Hoxe, denunciamos de novo a sanción tan laxa que lle impón a Universidade a través da cal se suspende de soldo e emprego durante dous meses. É inadmisíbel que este tipo de actitudes se permitan na universidade pública e que pasen con total impunidade.
Dende Galiza Nova, entendemos que un profesor con este comportamento sexista non pode impartir aulas porque non é quen de educar nuns valores basados na igualdade e no respecto. A educación patriarcal e machista que se aprecia nestes profesores é un dos factores que perpetúan a desigualdade na nosa sociedade. Por iso, sempre apostamos pola coeducación como mecanismo para construír un futuro de plena igualdade. Queremos todos os espazos libres de violencia machista, queremos sentirnos seguras e sen medos, sen que ninguén dictamine como debemos vestirnos, porque queremos ser, dunha vez por todas, nós mesmas.
Insubmisas e rebeldes na defensa dun modelo educativo non sexista e que traballe pola coeducación e a liberdade de todas as persoas!