‘LUGO DIXO NON AO TTIP’ artigo de Rubén Arroxo

IMG_20160113_120840O concello de Lugo é o primeiro de Galiza en declararse este xoves 28 de xaneiro do 2016, en contra do TTIP e a comprometerse a informar á sociedade das consecuencias que terá sobre a nosa poboación e sobre o noso territorio este tratado. A moción foi presentada polo grupo municipal do BNG-Asembleas Abertas e apoiada polo PSOE, ACE e Lugonovo, co voto en contra do PP e a abstención de C´s. Dende o o grupo nacionalista entendíamos a necesidade clara de chamar a atención social sobre esta cuestión polas duras consecuencias que traerá consigo.

Escurantismo e antidemocracia: Deste tratado moi pouco é o que se sabe, posto que as negociacións son segredas entre a Comisión Europea, os EUA e unha maioría composta por representantes das multinacionais. Neste espazo cocíñanse os macrobeneficios destes monstros empresariais sen contar para nada cos estados e moito menos respectando os intereses da súa poboación. A maiores disto, unha parte das negociacións manteranse ocultas durante os vindeiros 30 anos, o que nos evitará sermos plenamente coñecedores deste proxecto do neoliberalismo máis radical nas vindeiras 3 décadas. Cómpre lembrar tamén que recentemente se filtrou un informe do Servizo de Investigación Económica do Departamento de Agricultura dos EUA onde menciona claramente que Europa perde con este tratado en beneficio dos EUA.

Supresión total da soberanía dos estados: Os estados que estean dentro deste tratado xa non terán ningunha soberanía na práctica, posto que a liberación comercial evitará que teñan marxe de manobra sobre o control de produtos ou de condicións laborais, por non falarmos da situación na que quedamos as nacións sen estado propio. A maiores en caso de conflito entre unha multinacional e un estado resolverase nun tribunal privado, controlado polas propias multinacionais e con resultado máis que evidente. Xa houbo diversos exemplos con isto onde Canada, Arxentina, Ecuador ou Australia, por poñen algúns exemplos, os estados tiveron que acabar pagando cantidades multimillonarias ás multinacionais.

Duro golpe ás enerxías renovábeis: Procesos altamente contaminantes para obter combustíbeis fósiles a baixo prezo coma o “Fracking” están a destruír os ecosistemas nos lugares onde se aplica, facendo que algúns lugares se semellen máis á superficie luar que á terrestre. A obtención de combustíbeis fósiles a baixo prezo vai frear en boa medida que se avance no desenvolvemento das enerxías renovábeis, mantendo a oligarquía das petroleiras e gaseiras.

Destrución dos nosos sectores produtivos e danos á saúde: O uso permitido nos EUA de determinados pesticidas, fertilizantes, transxénicos, hormonas, lavados de carne con cloro… prohibidos na UE vai resultar por unha banda que os produtos chegados dende o Continente Americano sexan moito máis baratos á vez que os nosos sectores se ven incapacitados de competir neses custos, e por outra banda danos severos na nosa saúde, nalgúns estados americanos os niveis de cancro ou de autismo se dispararon nos últimos anos por consecuencia deste modelo.

A destrución dos nosos dereitos laborais: Acudir ás folgas xerais ou manifestacións para que se supriman as últimas reformas laborais será un absurdo, posto que este tratado convirte a ditas reformas e meras anécdotas. Os EUA só aceptan dous dos acordos da OIT, e entre outras cuestións non recoñecen a liberdade sindical. A entrada de empresas americanas no noso país podería borrar por completo o noso máis mínimo dereito laboral, traballando en base as súas normas, entre as cales nin recoñecerán o SMI do Estado Español.

A nosa proposición presentada e aprobada é un feito simbólico, co que quixemos axitar á sociedade, facendo unha campaña de difusión e información nestes últimos días nos medios e nas redes, xuntándonos con colectivos e sindicatos, e utilizar a ferramenta comunicativa que nos dá o propio pleno municipal co fin de facer unha chamada á mobilización social. En Europa existe xa un forte movemento anti-TTIP e en Galiza non podemos quedar atrás. Este ano 2016 vai ser clave no desenvolvemento ou non do tratado e aquí o noso pobo debe mostrar a súa cara máis rebelde, ao igual que fixo ante outros ataques sufridos. Unamos esforzos de cara a frear esta masacre.

Rubén Arroxo, Portavoz municipal do BNG no concello de Lugo e ex responsábel comarcal de Galiza Nova.