Mes de maio, achégase pouco a pouco o verán. Soben as temperaturas e malia saír dunha semana de choivas continuadas, por outra banda moi necesarias, non cabe dúbida de que nos aproximamos á tempada de praia, piscina, charca, río ou regato.
A cidade de Lugo, aínda pertencente á unha provincia con costa non lle queda a praia precisamente cerca, non tanto en distancia senón en tempo no caso de non dispor de transporte propio. De calquera xeito o transporte é caro. Tampouco as piscinas son de balde na cidade, si nalgún concello próximo, mais o que si é de balde é o río Miño.
A mocidade lucense dispón, pois, de diversas opcións para darse un refrescante baño no seu tempo de lecer:
a) Desprazarse á costa para desfrutar da praia
b) Pagar os altos prezos das piscinas de Lugo
c) Desprazarse a outros concellos con piscinas de balde ou con zonas de baño públicas habilitadas no río.
d) Aventurarse a meterse no Miño, como boamente se pode, co risco que iso ten.
Entendeu o BNG que sería unha magnífica idea habilitar unha zona de baño pública no Miño para que todas as lucenses puidesen gozar dun baño no río dun xeito cómodo, e o máis importante, seguro. Así no 2009 presentou a iniciativa no pleno municipal, que ficou aprobada.
Coa partida orzamentaria aprobada tamén para a súa construción so restaba pedir os permisos pertinentes á Confederación Hidrográfica Miño Sil. Pasaron 8 anos de escusas nos que os gobernos socialistas municipal e da Deputación non foron capaces nin de iniciar os trámites.
O BNG volveu a tomar a iniciativa e solicitou á CHMS a autorización para a instalación dun acceso de madeira na zona das Saamasas, a cal foi favorábel.
A mocidade lucense está farta de que lle tomen o pelo. Todos os anos as mesmas promesas e logo as mesmas escusas. Non entendemos o bloqueo ao que se ten sometido esta proposta habendo acordo político no pleno, partida orzamentaria e autorización da Confederación Hidrográfica.
Por isto desde Galiza Nova lanzamos a campaña “Praia-Bus”. Queremos que toda a mocidade sexa consciente desta situación, que se unan á nosa indignación e que nos axuden a loitar por unha zona de baño pública no Miño a cal non ten nin o máis mínimo sentido que siga sen facerse.