Este 12 de outubro, a mocidade galega non ten nada que celebrar, pero si moito polo que loitar. Denunciamos un ano máis a maior masacre e xenocidio que viviu América Latina na súa historia. Hoxe o “Día de la Fiesta Nacional” celebra como o antigo Imperio Español deu comezo á colonización de practicamente todo un continente e á escravización e exterminio da maior parte da súa poboación co mal chamado “descubrimento” de América.
Despois de 5 séculos, o Estado Español continúa coas mans manchadas de sangue. O proxecto do estado español naceu morto, erixido sobre unha historia de imperialismo e represión, co único obxectivo de destruír calquera tentativa de emancipación por parte dos pobos aos que durante séculos ten sometido. Este réxime construído polas armas e con base na eliminación do diferente, impón o criterio centralista dende aquel entón, e continúa buscando a xustificación para exercer esta violencia e opresión contra todos aqueles pobos que se atrevan a exercer o lexítimo dereito de autodeterminación.
Non hai mellor exemplo que represente ao Estado Español e ao réxime do 78 como o fai a monarquía, garante da “unidade de España” e herdeira do franquismo. A constitución española, filla da denominada “transición” é a blindaxe perfecta para unha institución anacrónica e antidemocrática como a monarquía. O propio Franco preparou o camiño antes de morrer, deixando a Juan Carlos I como herdeiro da sangue derramada pola ditadura. O rei emérito foi un exemplo para todas nós, un exemplo de cómo lucrarse “pola gracia de Deus” e con continuos escándalos que chegan á actualidade, coa súa fuxida primeiro á República Dominicana e agora aos Emiratos Árabes para non enfrontarse á xustiza.
Coa coronación de Felipe VI no 2014 vimos como a monarquía mudaba a forma mais non o fondo. Exemplo disto é o discurso posterior ao referendo catalán, situándose do lado da represión e dando as costas ao pobo catalán; ou a última campaña de branquexamento da súa figura, un intento desesperado por facer crer á poboación que a monarquía goza de boa saúde e continúa vixente.
O Estado Español condena a Galiza á dependencia e á miseria, empéñase en anular con todos os seus medios a nosa identidade nacional, a nosa capacidade para producir e construír un futuro digno na nosa terra. España está profundamente corrompida e, ademais, a súa Constitución e todo o seu corpo é amparo legal das accións máis socialmente inxustas que estamos a padecer e nega a nosa soberanía e lexítima capacidade de decisión.
Por todo isto, desde Galiza Nova só podemos dicir LUME. LUME AO ESTADO ESPAÑOL, LUME Á REPRESIÓN E LUME Á MONARQUÍA. Continuamos loitando polo dereito de autodeterminación para acadar a liberdade, a soberanía nacional e fuxir do cárcere dos pobos que é o Estado Español.