Comunicado a respecto dos lumes que se están a producir

Lumes nunca máis

Infelizmente, como cada verán, vemos o noso país ameazado por incendios. Todo o noso territorio, de norte a sur e de leste a oeste, azoutado por vagas de lumes, con especial atención estes días nas comarcas do Salnés e do Condado, o que supón un perigo para a poboación e a destrución da nosa biodiversidade, xa moi maltratada.

A causa desta problemática é clara. Un modelo forestal colonial. Durante os primeiros anos do franquismo, Galiza consolidouse como colonia enerxética do Estado español, e especialmente do buraco negro que foi e é Madrid. Por mor do sistema autárquico, as únicas fontes ás que o réxime podía acceder de forma relativamente libre eran a electricidade e a biomasa. En consecuencia, os nosos ríos foron inzados de encoros —contribuíndo para a destrución do noso rural— e os nosos montes dunha especie barata de crecemento e expansión rápidos: o eucalipto. Entre as moitas desvantaxes do eucalipto, destácase a súa condición de especie pirófita: favorece a erosión, seca a terra, as súas follas contribúen á dispersión do lume e tras o incendio benefíciase deste colonizando a zona afectada. 

Os montes galegos convertéronse en territorio de sacrificio para abastecer as necesidades  estatais de biomasa para uso enerxético e da industria papeleira que comezou a funcionar na ría de Pontevedra nos anos 50, ficando o deterioro ambiental, económico e social no noso país e os beneficios fóra. 80 anos despois, o Partido Popular actúa como fiel herdeiro do réxime franquista e como parte fundamental no mantemento do aparello colonial. Perpetúa ese modelo extractivista e antiecolóxico e mesmo agrava a situación, tentando instalar a bomba ecolóxica de Altri no corazón do país, que intensificará a situación actual.

Ademais de perpetuar o modelo de explotación intensiva do eucalipto, a actual Xunta de Galiza agrava a problemática dos incendios coa creación e aplicación de novas normativas ambientais máis laxas, que favorecen a destrución do territorio en aras dun maior beneficio industrial foráneo; cunha dotación de servizos de prevención e extinción insuficientes, e desmantelando os servizos básicos no rural, contribuíndo para a sangría demográfica e o abandono dos montes. 

Desde Galiza Nova exiximos que se poña fin a este modelo. É necesario un goberno que planifique e xestione cunha visión ecolóxica e de futuro os nosos montes. Nun país en que o 70 % da superficie é masa forestal, son necesarias políticas que poñan os intereses do pobo galego por diante e que faga dos nosos montes unha ferramenta para a biodiversidade e o desenvolvemento económico, fechando cadeas produtivas no noso país e deixando aquí os beneficios. Os nosos montes non deben ser un problema senón un recurso posto ao servizo das necesidades do tecido produtivo e do pobo galego. 

Basta de modelos extractivistas e coloniais que nos condenan a vivir entre chamas.

Lumes nunca máis!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *