Lumes nunca máis!

Desde Galiza Nova queremos mostrar a nosa solidariedade coa veciñanza directamente afectada pola vaga de incendios que está a sufrir o noso País, así como trasladar o apoio a todo o persoal que está a traballar sen desanso na súa extinción. Condenamos a política exercida polo Partido Popular á fronte da Xunta de Galiza, por non dispoñer das medidas de prevención e vixilancia necesarias para evitar a catástrofe incendiaria que estamos a vivir.

O goberno galego continúa sen exercer as súas funcións no coidado dos espazos naturais protexidos, sen dotalos dos necesarios instrumentos de xestión, sen ampliar as superficies amparadas e sen establecer nestas áreas plans especiais de prevención fronte os incendios forestais. Novamente, son os espazos naturais protexidos os peor parados e feridos de morte.

A mocidade galega amosamos a nosa solidariedade cos territorios que nas últimas horas están sufrindo a lacra dos incendios forestais e coas veciñas que na última xornada foron desaxoladas ou mesmo perderon os seus fogares.

Das máis de 11.000 hectáreas arrasadas polos lumes nas últimas 48 horas, 4600 delas sitúanse no Courel, punto álxido da biodiversidade galega, ao que se lle suman outras zonas de elevada importancia desde o punto de vista ecolóxico, como o Parque Natural do Invernadoiro e da Pena Trevinca.

Reclamamos accións XA:

  • Comezar cos labores nas zonas queimadas para evitar a erosión dos solos e procurar a súa restauración coa maior inmediatez posíbel.
  • Reforzar de forma notable os dispositivos de prevención e extinción de incendios, especialmente nos espazos naturais protexidos.
  • Mudar as políticas de medio rural na aposta pola súa vitalidade: reverter a sangría demográfica, impulsar o desenvolvemento económico sostible da agricultura e a gandeiría, cun aproveitamento forestal multifuncional, etc.

Apoiamos a concentración convocada por ADEGA mañá martes 19 de xullo ás 20h diante do Multiusos da Xunta en Lugo e animamos a toda a mocidade a participar dela.

Basta xa de que cada ano aconteza o mesmo: espazos protexidos calcinados, veciñanza desamparada, medios de extinción escasos e políticas de prevención nulas. Basta xa de condenar a nosa terra a arder! Lumes nunca máis!