Lumes Nunca Máis

Achégase a fin do verán, e como cada ano, prodúcese de novo a desgraza dos incendios forestais na Galiza.

Observamos como na última semana de agosto, e sobre todo no inicio do mes de setembro, se intensificou en grande medida o número de lumes, así como a súa virulencia e a cantidade de territorio asolado. Cabe destacar, os sufridos no parque natural do Xurés na Baixa Limia e no concello pontevedrés de Crecente, que se produciron case ao mesmo tempo, e que destruíron máis de medio millar de hectáreas, provocando a morte de moita flora e fauna protexidas, e o desaloxo da poboación polo perigo para as súas vidas e os seus bens.

Mentres isto pasa ano tras ano, vemos como o goberno do Partido Popular, dende as súas cadeiras na Xunta, preocúpase máis por darlle entrada no noso territorio ás grandes empresas que queren especular con el e espolialo, a través da destrución do noso medio natural, que a darlle unha solución áxil e eficaz a estes problemas recorrentes. E é aquí cando xorde nas nosas mentes unha cuestión: o goberno da Xunta fai unha planificación forestal ou “deforestal”?

Está claro que as políticas que leva implantando o PP dende hai tempo nesta materia, son insuficientes, e moitas veces até contraproducentes para o nosa terra, cun colaboracionismo moi preocupante que beneficia a que se dean estes sucesos, como por exemplo coas novas leis promulgadas en materia forestal e medioambiental, ou con políticas que favorecen o abandono do rural. Claro exemplo é o que estamos a vivir nestes momentos coa posíbel implantación da pasteira Altri en pleno corazón da Galiza, que coa eucaliptización e destrución do noso medio que levaría a cabo, agravaría en moita maior medida o problema dos lumes.

Estamos cansas de ter que denunciar constantemente esta trama criminal e especuladora, que leva décadas cunha política forestal que dá como resultado uns montes ermos e unha constante perda de biodiversidade, polo que manteremos a nosa loita contra a inutilidade deste goberno, e reclamamos accións de inmediato:

  • Comezar cos labores nas zonas queimadas para evitar a erosión dos solos e procurar a súa restauración o máis cedo posíbel.
  • Reforzar notabelmente os dispositivos de prevención e extinción de incendios, especialmente nos espazos naturais protexidos.
  • Mudar as políticas de medio rural na aposta pola súa vitalidade: reverter a sangría demográfica, impulsar o desenvolvemento económico sostíbel da agricultura e a gandaría, cun aproveitamento forestal multifuncional, etc.

Basta xa de obrigar a nosa terra a esmorecer entre as lapas! Lumes nunca máis!

*Desde Galiza Nova queremos mostrar tamén toda a nosa solidariedade co pobo portugués que tamén está a sofrer as consecuencias de malas políticas forestais, con inmensos lumes que están a pór en perigo vidas e recursos ambientais e sociais*