No marco da campaña contra o sexismo e o machismo no entroido lanzada nesta semana, integrantes de Galiza Nova informarán na tarde de hoxe, con repartos en varios puntos do país, sobre as situacións que sofren as persoas do colectivo LGTBI e as mulleres nestas datas. Este repartos sucederanse en Pontevedra, Compostela, Rianxo e Lugo.
As mocidades do BNG, desde esta campaña lanzada de xeito conxunto pola Asemblea LGTBI e pola Asemblea de Mulleres, denunciarémos así as actitudes patriarcais que sofren as persoas trans e as mulleres e mozas galegas. A Responsábel da Asemblea LGTBI, Iria Carreira afirma que nesta datas “prodúcense numerosos casos de homofobia e transfobia amparados baixo o pretexto do humor coa única intención de rirse de quen non segue a norma”. Por outra parte, Rebeca Cambeiro, Responsábel da Asemblea de Mulleres, critica que no entroido “danse moitas situacións de agresións machistas que se xustifican e se deixan asar por acontecer nun ambiente festivo”.
Esiximos polo tanto ao goberno galego e ao goberno do estado que adopten medidas concretas para acabar co machismo e o sexismo, e que se tomen as medidas necesarias para erradicar o patriarcado da sociedade. Temos que amosar o noso rexeitamento aquelas actitudes que perpetúan roles de xénero e hipersexualizan ás nenas, desde moi pequeñas e tamén aquelas que tentan ridiculizar ás persoas trans.
Desde Galiza Nova demandamos, entre outras:
- Que se impulse nas aulas de todas as idades formación en materia de xénero e sexualidades, garantindo así unha conciencia da necesidade de igualdade desde os primeiros anos de escolarización. Do mesmo xeito, cesar prácticas sexistas que existen agora mesmo no ensino coma a segregación por xénero.
- Un tratamento das violencias machistas como prioridade e posta en marcha de medidas políticas urxentes e incremento dos recursos económicos para prevención e asistencia.
- Formación de profesionais para o acompañamento de vítimas de violencia de xénero nos distintos ámbitos, coma na atención primaria e a xustiza.
- Implantación de Centros de Información eficaces.