Non podes perder o magosto nacional popular que Galiza Nova organiza este sábado 24 de outubro, a partir das oito da tarde, na Praza Pedreira de Pontevedra.
Animamos a mocidade de toda a comarca a achegarse a Pontevedra e participar nesta festa na que haberá xogos populares, castañas de balde e comida e bebida a prezos populares.
Poetarras é o colectivo arterrorístico formado por Manuel Gago, Rubén Lino e Daniel Vilaverde, que coa voz e a música e a retranca defenden a Galiza alá onde actúan, e cuxo obxectivo principal é ofender a SOMEBODY en SOMEWHERE por SOMETHING a través de sketchs.
Alberto Oubiña, membro da Comisión Permanente de Galiza Nova e concelleiro en Pontevedra, e a compañeira de Galiza Nova e campiona triatleta Alba Cuba presentarán a nova campaña de emprego que Galiza Nova botou a andar o 12 de outubro baixo o lema “Racha coa dependencia. Traballo e liberdade para a mocidade galega”.
Non esquezas traer o teu instrumento para participar na foliada que pechará o magosto deste sábado.