Cada 14 de febreiro, o capitalismo reinvéntase para vendernos o amor en todas as súas formas. Este ano, Zara decidiu incorporar o galego na súa campaña co lema: «Máis amor, por favor». A primeira vista, podería parecer un xesto positivo, unha mostra de apertura á nosa lingua, mais a realidade dista moito de ser tan romántica. Este uso puntual do galego non responde a un compromiso real, senón a unha estratexia de romantización da nosa lingua, coa que se pretende baleirala de contido.

O galego nunha campaña publicitaria non pode servir de cortina de fume para agochar a realidade: a idealización do amor romántico. Esta segue a ser unha das grandes trampas que limitan a liberdade das mulleres. O feminismo leva anos advertindo sobre os perigos de perpetuar unha única idea de amor: o amor en parella, verdadeiro, romántico e heterosexual. Esta visión reducionista ignora outras formas de afecto, como a amizade, o amor propio ou o compromiso social, e impón un modelo que conduce a relacións tóxicas baseadas na dependencia e no control.
O mito da media laranxa ou da princesa á espera do seu amado reforzan a idea de que unha muller sen parella está incompleta. O amor eterno, a exclusividade e os ciumes preséntanse como sinais de compromiso. A crenza de que o amor pode superar calquera obstáculo leva a tolerar relacións abusivas. Estes mitos perpetúan un modelo normativo e patriarcal que limita a liberdade das mulleres e lexitima relacións baseadas na posesión e na submisión.
Nun contexto de escalada da violencia machista e do avance do neoliberalismo e da ultradereita, resulta alarmante que os mitos do amor romántico sigan tan vixentes. As mensaxes de odio contra as mulleres e a súa liberdade proliferan e, malia os avances, a mocidade continúa reproducindo patróns de relación que perpetúan esquemas tóxicos. As redes sociais, convertidas no principal medio de información para as novas xeracións, están a ser inundadas por discursos reaccionarios que buscan deslexitimar as políticas feministas e reforzar o machismo. A violencia normalízase a través das redes, que disfrazan o control como amor e a submisión como escolla.
Non podemos permitir que o único discurso que alcance a mocidade sexa o da regresión en dereitos e liberdades. Como militantes feministas, temos a responsabilidade de combater estas narrativas tóxicas, de contrarrestar o avance do odio e de construír unha Galiza onde o feminismo sexa unha ferramenta de emancipación real.