Máis unha vítima de violencia machista #QuerémonosVivas

Máis unha muller asasinada posibelmente pola violencia machista, desta volta en Ponte Sampaio (Pontevedra).

De acordo coas informacións publicadas por diversos medios de comunicación trátase de C.R.P. de 38 anos que tería sido acoitelada, presuntamente, polo home co que mantivera unha relación con anterioridade.

Con ela, suman xa -segundo as cifras oficiais- cinco as mulleres asasinadas pola violencia machista no que vai de 2015 na Galiza.

Desde Galiza Nova lembramos que a magnitude dos dados estatísticos -que son só a punta do iceberg- xunto coa (re)produción de múltiples formas de violencia, moitas veces invisibilizadas, urxen unha resposta social colectiva, mais tamén política e institucional que non fique só na repulsa ou condena. É precisa a adopción de medidas integrais efectivas que combatan o machismo e pulen por un outro modelo de relacións entre as persoas baseado na equidade.

Participa nas concentracións contra o terrorismo machista que terán lugar este luns ás 20:00h nos seguintes lugares:
Vigo: diante do Marco, convoca Marcha Mundial das Mulleres.
Ourense: Castañeira (subdelegación), convoca Marcha Mundial das Mulleres.
Ferrol: diante do Concello, convoca Marcha Mundial das Mulleres.
Pontevedra: diante da Audiencia Provincial, convocan feministas de Pontevedra.
Lugo: praza do Concello, convocan feministas de Lugo.
A Coruña: Obelisco, convoca Acción Feminista da Coruña.
Compostela: (Porta do Camiño), convoca Feminismos Compostela.
Barbanza: praza Castelao, convocan Feministas do Barbanza.