Desde Galiza Nova reivindicamos unha vez máis as liberdades afectivo sexuais e outro modelo de relacións entre as persoas, que supere os preconceptos e as categorías, baseado na soberanía dos corpos, unha sexualidade libre, segura e gozosa. Desde Galiza Nova (mocidades do Bloque Nacionalista Galego) consideremos vitais as iniciativas pola visibilización social e reivindicacións do colectivo LGTBI na Galiza e en todo o mundo.
Nós, persoas novas comprometidas, denunciamos as situacións de discriminación que aínda hoxe en día padecen as persoas LGTBI en países mesmo considerados avanzados. Aínda fica moito traballo por facer para chegarmos a unha situación de normalidade, non abondando con mudanzas lexislativas que non vaian acompañadas de concienciación e educación na diversidade e na tolerancia.
Por iso reivindicamos unha aposta clara no educativo, e a penalización dos discursos da extrema dereita, discriminadores e criminalizadores das persoas LGTBI, como os que a diario se cospen desde os altofalantes mediáticos, púlpitos e micrófonos do PP.
Non son os mellores tempos para vivir e reivindicar unha sexualidade libre. Os dereitos conseguidos nos últimos anos vense ameazados na Galiza co goberno do PP na Xunta e a súa ideoloxía conservadora, que vai da man de asociacións antiabortistas, a igrexa católica e de quen defende unha sexualidade e modelo de familia considerados tradicionais, e que coas súas lexislacións tentan impornos a súa ideoloxía.
Neste senso, non podemos esquecer que, no concreto, as mozas lesbianas estamos a padecer unha agresión directa froito das políticas reaccionarias, misóxinas e heteropatriarcais impostas polos gobernos do PP. Cómpre lembrarmos que a reforma sanitaria da ministra Ana Mato exclúe dos tratamentos de reprodución asistida a todas as persoas que non se enmarquen no modelo de familia heteronormativa, defendida pola dereita máis rancia. Unha medida que vén a negar o dereito a ser nai a moitas mulleres nun momento en que o propio PP procura impor a maternidade a outras. Desde Galiza Nova defendemos o dereito de calquera muller a ser usuaria dos tratamentos de fecundidade sen que este teña que vir definido por condición algunha, tampouco o da esterilidade.
Moitos son os estigmas aínda por derrubar e moitos tamén son os dereitos aínda por conquistar, como a posibilidade de adopción por parellas homosexuais, a despatoloxización da transexualidade que continúa a ser considerada pola Organización Mundial da Saúde como doenza mental, así como a posibilidade da resignación de sexo libremente e de forma gratuíta a través do Servizo Galego de Saúde.
Mobilízate contra a discriminación das persoas LGTBI! Desde Galiza Nova animamos á mocidade galega a secundar os actos que o colectivo LGTBI organiza ao longo do país, co berro bel alto de O NOSO ORGULLO, A NOSA LOITA!