O vindeiro sábado, día 16 de marzo, terá lugar en Madrid unha manifestación convocada pola Asemblea Nacional Catalana (ANC) e Omnium Cultural na que está prevista a participación dunha representación das nacións sen estado, Galiza e Euskal Herria, en solidariedade co pobo catalán; contra o xuízo-farsa; contra o procés e para proclamar que a “Autodeterminación non é delito”. Galiza con Catalunya chama a participar cun bloque galego en solidariedade co pobo catalán.
A plataforma Galiza con Catalunya, da que Galiza Nova fai parte, ten previsto fletar autobuses, que irán e regresarán no mesmo día, para facilitar o desprazamento a un prezo simbólico de 10 €. A manifestación partirá de Atocha ás 18:00 horas para rematar diante da Cibeles tras percorrer o Paseo do Prado. Podes anotarte no formulario que atoparás en Mar de Lumes.
Desde Galiza Nova manifestamos a nosa solidariedade co pobo catalán e rexeitamos o xuízo político que se está desenvolvendo contra os seus lexítimos representantes. Demandamos a súa liberdade e denunciamos a persecución ideolóxica emprendida desde o Estado español contra quen defende dereitos fundamentais dos pobos como é o dereito de Autodeterminación.