A día de hoxe son moitos os obstáculos que impiden a emancipación da mocidade galega. A falta de emprego digno, a suba descontrolada do prezo dos alugueres e o poder político nas mans de quen non ten interese nas clases populares son algunhas das causas da situación actual. O actual modelo económico turistificador e precarizador dificulta a nosa independencia e bloquean as nosas aspiracións de futuro, facendo que a nosa xeración sexa cada vez máis precaria e cada vez máis pobre.
En primeiro lugar, a mocidade tense de enfrontar a un mercado laboral que lle ofrece precariedade ou emigración. Isto débese á falta de soberanía política da Galiza, a cal repercute nun desenvolvemento económico, no mellor dos casos, moi limitado. No peor dos casos significa o desmantelamento da nosa industria e outros sectores produtivos de calidade en favor de proxectos que non deixan riqueza no país. Deste xeito, a sangría de mozas e mozos galegas que son forzadas a marchar non se detén.
Para as que fican no país, queda escoller entre ficar na casa familiar ou deixar máis dun terzo no salario soamente no aluguer, pois o 85% da mocidade galega non pode deixar a casa familiar ao non atopar unha vivenda digna a un prezo accesíbel. E neste contexto, Galiza avanza cara un modelo turistificador regresivo e empobrecedor. Se ben o turismo pode ser unha actividade económica positiva, en moitos puntos está a acadar unhas dimensións masivas que favorecen as políticas de especulación e que nos relega as persoas novas a un papel de visitantes no noso propio país. Por que? Porque as nosas vivendas son transformadas en vivendas turísticas, o noso tecido económico propio vai sendo substituído por unha economía dependente dos visitantes e a riqueza vai parar a un único sector e ás cadeas que o controlan.
Cal é entón a realidade? Un país máis pobre, que expulsa a súa mocidade perdendo capital económico e humano, que nos relega á precariedade e que está orientado a se converter en destino de consumo mentres nós somos expulsados sen un espazo propio onde construírmos a nosa vida.
Nesta situación, que podemos facer? Podemos organizarnos e loitar por unha Galiza na que ficar e facer efectivo o noso dereito a un futuro na nosa terra. Para isto, precisamos unha Galiza con soberanía para se desenvolver economicamente, un sindicalismo nacionalista cada vez máis forte para combater a explotación en cada centro de traballo e un goberno galego que aposte por políticas estruturais que melloren as nosas condicións de vida.
PROPOSTAS PARA O CURTO PRAZO
Se ben é certo que para mudar por completo a nosa realidade social e material debemos acadar a plena soberanía nacional, é necesario que desde os gobernos actuais, tanto do Partido Popular na Xunta como de PSOE-Sumar no Congreso, se avancen en políticas estruturais que nos permitan comezarmos a desenvolver os nosos proxectos de vida. É por iso que reclamamos:
- Derrogación real das reformas laborais existentes, as cales atentan e son totalmente lesivas contra as clases populares e traballadoras galegas.
- Crear un Plan de Emprego Xuvenil que garanta a nosa correcta inserción laboral e cunha oficina de emprego efectiva.
- Crear un Plan Retorna para reverter a situación de emigración forzosa e garantir a volta da mocidade emigrada, facilitándolles o acceso a un emprego digno.
- Constituír o Fondo Social de Vivenda como instrumento financeiro público ao servizo do desenvolvemento de políticas de vivenda, sendo a mocidade unha das principais beneficiarias.
- Crear, en colaboración coas universidades galegas, unha Bolsa de Vivenda Pública como ferramenta que garanta o acceso á vivenda e residencias ao estudantado desprazado.
ASINA AQUÍ