O complexo ENCE – ELNOSA insiste en prolongar a súa actividade contaminante en Lourizán máis aló do 2018, e a Xunta de Galiza segue a amparar e a protexer a contaminación da nosa ría, nunha suposta defensa do emprego.
Porén, cal é o emprego que garanten ENCE e máis ELNOSA? A realidade é que nestes cincuenta anos na Ría de Pontevedra, destruíron máis postos de traballo dos que xeraron, polo prexudicial que resultou a súa actividade para o marisqueo, o sector forestal, a pesca ou o turismo.
Os directivos da fábrica de pasta de papel insisten en prometernos a eliminación dos malos cheiros que vimos soportando tantos anos e máis o avance cara a unha actividade máis sostíbel e cada vez menos contaminante. A cidadanía pontevedresa está farta de escoitar as mentiras dunha empresa que segue a contaminar por enriba dos límites estabelecidos pola lexislación en materia de verteduras e cuxa presenza é causa directa da eucaliptización de Galiza e a conseguinte proliferación de incendios. Ademais, pretende fumigar milleiros de hectáreas forestais coa escusa da situación excepcional que supón a praga do gurgullo, que non só dista de ser excepcional porque leva anos afectando ao eucalipto, senón que se pode tratar con métodos alternativos que non resulten letais para as abellas e a vida acuática.
Dende Galiza Nova esiximos o dereito ao traballo na nosa terra, o dereito ao traballo na Ría de Pontevedra, no marisqueo, na pesca ou no sector forestal, xestionando estes recursos de xeito razoábel e protexendo o noso ecosistema fluvial da contaminación das celulosas. Queremos o saneamento da nosa Ría e a protección do rural e dos montes da nosa comarca, queremos que a Ría sexa de novo fonte de emprego respectuoso co medio ambiente e coa saúde das persoas.
Por iso, temos razóns dabondo para acudir o vindeiro 20 de xuño ás Marchas contra Celulosas organizadas pola Asociación Pola Defensa da Ría, que parten ás 19:30 das Alamedas de Marín e Pontevedra.
Por novas oportunidades sostíbeis para a Ría de Pontevedra, nós imos!
Artigo de opinión de Iria Figueroa, estudante de Xornalismo e militante de Galiza Nova en Pontevedra.