A ponte de Cans, na parroquia de Nebra en Porto do Son, foi testemuña da derradeira historia de Francisca, Ramona, Xenerosa, Rosa e Antonio; exemplos de revolta veciñal do noso país fronte ás inxustizas duns gobernos que só pensan no capital antes que no seu propio pobo hai máis dun século atrás. Pero a día de hoxe, cento dez anos despois, que queda desta historia? Unha data na sombra doutra barbarie propiciada ó outro lado do Atlántico? A memoria das familias e veciñas que reavivan o seu recordo? A situación debería ser outra, queda en nós a responsabilidade de non esquecérmonos da historia destas mártires que defenderon coa súa propia vida os seus dereitos, por iso comparto con todas vós esta historia, silenciada durante anos pero viva en nós.
Se nos remontamos á Galiza de 1916, atopámonos cun país maioritariamente rural, atravesado pola emigración, a conflitividade agraria e a loita contra o caciquismo. O agrarismo convertérase nun dos principais espazos de organización popular, mentres nas cidades medraba o movemento obreiro e nese mesmo ano nacían as Irmandades da Fala, punto de inflexión fundamental na transformación do galeguismo nun movemento nacionalista organizado.
Unha parroquia que sabía moi ben o que era sufrir o caciquismo por parte do concello, eran as veciñas de Nebra, en Porto do Son, pois o goberno municipal non paraba de subirlles os impostos para pagar unha débeda ca Deputación da Coruña, dando así pé en marzo de 1916, a que as veciñas comezaran a xuntarse para poñerlle fin a esta situación.
Mentres as veciñas se manifestaban, o descontento veciñal medraba e a presenza da benemérita aumentaba, o concello decide embargarlle as terras ás persoas que se negaban a pagar o defis, conseguindo así que, o 11 de outubro, na véspera dos embargos, as veciñas de Nebra se reuniran no local da Liga Agraria, onde acordaron facerlle fronte á Garda Civil na ponte do río Cans ó día seguinte.
Falouse nesa reunión que a manifestación debía ser encabezada polas mulleres e nenos, pois mal pensaban que a benemérita non lles ía disparar, aínda que finalmente a Liga acordou ir sen armas, de maneira pacífica, e varias mulleres, por iniciativa propia, decidiron encabezar dita manifestación.
Foi así como o 12 de outubro de 1916, sobre un dos lados da ponte de Cans, comezaron a escoitarse os berros: “Non se paga o defis” por parte dunhas trescentas veciñas desarmadas; mentres, do outro lado da ponte, máis dunha trintena de Garda Civís con fusís tentando persuadilas. Cando as mulleres comezaban a facer recuar á Garda Civil, nese intre, un rapaz achégase á fronte levantando un pau na man, o tenente da Garda Civil dálle un golpe na cabeza co sabre, deixándoo tendido no chan, espertando así a reacción das manifestantes.
O resultado? Dúas ordes de disparos ó aire, ordes que foron desobedecidas por algúns dos gardas, que dispararon contra as veciñas. A consecuencia? Varias veciñas feridas e a morte de Francisca Carou, Ramona Suárez, Xenerosa Vidal, Rosa Cadórniga e Antonio Sobrado; cinco exemplos de organización colectiva e loita obreira, pero ante todo, catro exemplos de loita feminista nunha historia na que as mulleres, aínda sendo usadas como escudo dunha falsa ilusión de seguridade, sempre tiveron un papel secundario na historia, por iso falamos delas, das mártires, de mulleres que se puxeron fronte a fronte contra o abuso de poder para defender a súa terra e o sustento da súa familia, aínda custándolles a vida.
Voltando á cuestión do comezo, que queda no presente desta historia? Por desgraza, quedou na sombra da data de exaltación máxima da hispanidade de moitos, que celebra a barbarie que aconteceu no 1492 na América, mentres nós revivimos o pasado.
Daquela, as galegas emigraban na busca dun mellor sustento para as súas familias, hoxe as túas compañeiras de carreira pensan emigrar por non poder traballar no país; daquela, o país estaba baixo a inflación económica por unha guerra na que non participou, ó igual que no presente, o presidente do estado máis progresista da historia de España aumentou o gasto militar por uns conflitos bélicos nos que non somos partícipes, mentres cada día nos custa máis vivir; daquela, as veciñas manifestábanse pola suba de impostos que lles dificultaba alimentar ás súas familias, hoxe á túa veciña fáiselle imposible marchar da casa familiar por non poderse permitir o alugueiro ela soa.
Pero como daquela co movemento obreiro, no presente milleiros de mozas do país maniféstanse na defensa das inxustizas que viven as galegas, dende a parroquia máis pequena ata a cidade máis grande, facendo florecer así, esa semente de vencer que todas esas mártires deixaron en todas nós sen elas sabelo.
Como escribiu e debuxou no 1931 o noso querido Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, “Un padrenuestriño po-las que morreron en Oseira, Nebra e Sofán”, porque dende aquela ata hoxe, na nosa terra cumprirase a vontade das mártires.
