Como vos acontecerá a moitas de vós, para min os domingos significaban ir á casa dos meus avós na aldea. Xuntabámonos para comer nesa cociña en que as paredes de azulexo choraban coa condensación producida polo arrecendo do cocido. Nesas sobremesas eternas falábase non só da actualidade, senón tamén do pasado, de persoas que nunca coñecín e acontecementos que nunca vivín. Moitas veces eran anécdotas cun ton humorístico, outras veces eran anécdotas en que até os silencios falaban e en que se podía percibir a fame, miseria e represión que sofreron moitas familias galegas de clases populares.
Esa represión que sufriu o pobo galego foi a da ditadura franquista que se prolongou tantas décadas e que ten o seu xerme nas atrocidades que perpetuaron os falanxistas no noso país e que retratou Castelao nos seus Álbums de Guerra. Unha ollada a esta colección permítenos imaxinar, ou polo menos tentalo, todas as calamidades que viviron milleiros de persoas e que deixan o noso país cheo de mártires, que moitas veces a historia esqueceu (e fixeron esquecer).
Neste día 17 de agosto, hai 89 anos, Alexandre Bóveda era fusilado na Caeira a mans dos falanxistas que se levantaron contra a democracia e instauraron ese réxime de terror. O motivo do seu asasinato? Ter unha firme e fonda devoción polo noso país e construír, xunto con moitas outras nacionalistas, un proxecto para dar á Galiza o que merecía: un autogoberno fundado na defensa da nosa propia identidade e na autodeterminación, seguindo os principios democráticos de soberanía popular e cumprindo co obxectivo de que Galiza fose dona do seu destino.
«A miña patria natural é Galiza. Ámoa fervorosamente. Fago canto podo por ela e faría máis se puidese. Se non podo, até me gustaría morrer pola patria e baixo a súa bandeira desexo ser enterrado.»
Estas palabras, que Alexandre Bóveda pronunciou no xuízo en que o condenaron, serven para comprender até onde chegaba o seu amor e compromiso polo país que estaban construíndo. Un verdadeiro mártir que morreu polo compromiso co seu pobo, coa súa lingua e coa súa cultura.
Neste día 17 de agosto, hai 89 anos, os falanxistas asasinaron un dos membros das Irmandades da Fala, fundador do Partido Galeguista e un dos principais impulsores do Estatuto de Autonomía de 1936. Artífice do pensamento económico de Galiza, cun profundo coñecemento da economía e das finanzas públicas, que lle permitiu achegar unha visión sólida e realista ao proxecto de autogoberno. Tal era a súa importancia que Castelao lle dedicou a súa pintura «A derradeira lección do mestre».
A conmemoración do día da Galiza Mártir non só honra a memoria de Alexandre Bóveda, senón todas as que loitaron pola soberanía e a liberdade do noso país e de todas as mártires sen nome que soñaban cunha Galiza ceibe.
Alexandre Bóveda é un símbolo de resistencia contra o fascismo e da defensa da nosa patria. A súa estela segue viva na memoria de todas as nacionalistas galegas que construímos, día a día, o país no que queremos vivir. Un país en que a nosa lingua e identidade non sexan atacadas; un país en que todas as persoas poidan vivir con dignidade e en que os feminicidios, o racismo e a lgbtfobia sexan cousa do pasado; un país de que Bóveda e Castelao se sentisen orgullosos; un país construído con base na memoria de todas as que dedicaron a súa vida a facelo posíbel. Nós, a mocidade nacionalista, temos a responsabilidade de loitar por ese futuro.
Para rematar, quixera darvos azos nesta loita cunha cita do álbum Atila en Galiza de: «Moitas veces os mártires crean mundos que os heroes nin tan sequera son capaces de concibir. E na miña terra cumprirase a vontade dos mártires».
Alexandre Bóveda, patriota galego!
