Membros de Galiza Nova cumpren condena por realizar un mural en defensa do ensino público

rolda de prensaMembros de Galiza Nova compareceron na mañá deste martes en rolda de prensa acompañados do secretario xeral de Galiza Nova, Alberte Mera, e do secretario de organización do BNG, Bieito Lobeira, para dar a coñecer a situación na que se atopan tras unha denuncia iniciada polo exalcalde do PP en Mondariz. Os mozos e moza de Galiza Nova cumpren esta semana condena de localización permanente por realizaren un mural na defensa do ensino público galego, co lema “non á lomce – ensino público galego”.

Os condenados manifestaron a “patética actitude do Partido Popular, que desmantela o ensino público e teima en impedir que a mocidade se rebele contra as inxustizas que deixan á mocidade sen futuro”. Os membros de Galiza Nova, que cumpren condena na súa sede comarcal, aseguran que volverían realizar o mural “unha, cen ou mil veces máis”, xa que “nin as denuncias, nin os xuizos nin as condenas van conseguir calarnos nin amordazarnos. Non lles imos dar tregua na defensa dos nosos dereitos”, manifestaron.

Pola súa parte, o Secretario Xeral de Galiza Nova, Alberte Mera, asegurou que  esta é a realidade que padece a diario a mocidade galega. “Son moitas as compañeiras que cumpren penas parecidas por expresarse libremente. Cando realizamos activismo político, a resposta do Partido Popular e do sistema é a criminalización, o xulgamento e a condena, por que non lles gusta que nos expresemos libremente, e por iso aproban a Lei  Mordaza”, asegurou Mera.

O BNG traslada o seu recoñecemento e apoio á mocidade condenada

Bieito Lobeira, secretario de organización do BNG, trasladou “o recoñecemento, o apoio e a solidariedade do Bloque Nacionalista Galego coa mocidade do Condado condenada por manteren unha actuación tan coherente. Lobeira indicou que “non é de recibo que no 2015 haxa mozos e mozas nacionalistas que por pintar un mural en defensa do ensino público se vexan privados de liberdade, mentres os responsábeis da explotación da mocidade gozan de total impunidade”

Os membros de Galiza Nova condenados están a recibir numerosas visitas de apoio de compañeiras e compañeiros de Galiza Nova e do BNG, asi como a do Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, e o de As Neves, Xose Rguez Méndez.