Mentres o Entroido sexa. Artigo Mirian Opazo

Mirian Opazo na campaña das Europeas 2024

En termos xerais, a identidade supón un exercicio de autorreflexión a través do que tomamos consciencia do que somos e de quen somos como individuos. Porén, o ser humano, na súa permanente e irremediable convivencia cos seus iguais, non pode definirse como un suxeito illado. O autocoñecemento implica, ao tempo, recoñecerse membro da comunidade. Non é esta, en absoluto, tarefa doada. Supón, en amplos trazos e entre outros exercicios, interiorizar e asumir como propio o complexo simbólico-cultural que caracteriza a dita colectividade concreta. É, deste xeito, que nos facemos conscientes daquilo que nos fai comúns e forma o «nós», recoñecéndonos, efectivamente, como iguais e xerando unha definición común interna. Atopámonos, entón, fronte á dimensión colectiva da identidade.

Eu son de Xinzo de Limia. Corrixo: eu son, orgullosamente, de Xinzo de Limia.

Hai na comarca da Limia motivos dabondo para sentírmonos orgullosas. Mais se algo nos enche ás limiás o peto do peito, ese algo se chama, con total certeza, Entroido.

Falar do Entroido é falar, claro que si, de esmorga, troula e carallada. De disfraces, máscaras e outras cuestións do estilo, para nada baleiras nin carentes de importancia. Mais falar do Entroido é tamén, e por riba de todo, falar da tradición, da cultura e da herdanza. Falar do Entroido é falar de identidade. É falar de país.

Nun tempo como este en que transcorre ás présas o devir do mundo, entre imposicións culturais foráneas e o imperialismo lingüicida que ameazan con non deixar na Galiza nada de noso, a supervivencia do Entroido como símbolo da identidade compartida, non é en absoluto un asunto baldío. O subsistir deste rito herdado, revestido hoxe de cores e actualidade, mais ancestral e primitivo no seu fondo máis orixinal, é un acto inmemorial de oposición á globalización depredadora dun pobo que se resiste a morrer diluído nun modelo externo e indiferenciador.

O Entroido entendido como a pura expresión da soberanía cultural da Galiza peta, en ocasións numerosas, de fronte e con brutalidade, coas nefastas políticas institucionais do Partido Popular que, lonxe de demostrar interese real en conservar a esencia definidora do rito, ve na súa celebración cada mes de febreiro, unha oportunidade de despregar o seu aparato de propaganda populista, que busca encher as prazas a calquera prezo, convertendo toda mínima manifestación diferenciadora dunha identidade propia nun carnaval entre importado e inventado, que nada ou menos ten que ver coa herdanza cultural que, como pobo, nos foi legada.

Mais semella esquecerlles aos señores do PP que no Entroido ninguén manda. Non ten outro dono que o pobo. Faino a xente. É da xente. Fai fonda parte desa identidade colectiva á que aínda lle quedan azos abondos para seguir resistíndose a morrer. Mentres o Entroido sexa, nós seremos. Mentres fagamos Entroido, seguiremos facendo país.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *