Mexan por nós e temos que dicir que chove

Lidya Castro

Castelao deixouno claro co seu “xa ves, mexan por nós e temos que dicir que chove”, nunha época non tan distinta da que estamos a vivir a dia de hoxe. A mocidade galega levamos moitos anos vendo como os nosos soños se frustran por culpa de aquilo que nolos debería ofrecer ou daqueles que nos deberían coidar para evitar que nos vexamos na obriga de fuxir lonxe do fogar en busca de mellores condicións de vida.

Recordo unha frase que se me quedou gravada cando aínda estaba na carreira de enfermaría: “neniña, busca outra profesión, ti que estás a tempo”. Daquela non lle din importancia pero a día de hoxe entendo a que se refería a que posteriormente foi a miña compañeira. Non sabes o que é ata que non o vives na túa propia pel ou ata que algún coñecido che conta o que está a pasar coa sanidade pública galega, se é que podes chegar a crelo polo surrealista que poden chegar a ser moitas situacións.

Rematei a carreira con ilusión e gañas de comer o mundo, como calquera persoa nova, pero despois de varios anos traballando como enfermeira caín na conta da realidade que estamos a vivir. Unha realidade bañada de incertidume, medo e ansiedade na que permaneces nunha continua busca de estabilidade laboral que che permita obter algo tan simple como estabilidade económica para poder pagar un alugueiro e os gastos sen verte na obriga de depender de terceiros ou de cambiar de profesión. Levamos anos escoitando o conto de que non hai enfermeiras para traballar pero iso non é certo. A maioría das enfermeiras galegas vense na obriga de emigrar para poder conseguir un contrato digno ou, mesmamente, están tan cansas de sufrir a precariedade nas contratacións que toman a decisión de marchar ou cambiar de profesión para poder optar a unha vida tranquila sen o continuo pensamento de non saber que vai pasar ou se vas ter un salario axeitado para poder pagar os recibos. Día tras día facemos fronte ás ameazas, sancións e ao medo de non saber onde vas estar de aquí a unha semana. Non é xusto para ninguén vivir nesta situación.

Por isto, e moito máis, debemos saír ás rúas para que se nos escoite, para que saiban que non nos imos quedar caladas e que tampouco imos seguir aceptando a precariedade nos nosos contratos para poder chegar a fin de mes desafogadas. A xuventude e a vocación non debería xustificar a precariedade laboral en ningún traballo. Emporiso, debemos actuar agora para defender a vida de todas e todos os galegos: para poder vivir nun país xusto que nos ofreza estabilidade económica e laboral, contratos de traballo dignos, e que asegure postos de traballo sen a necesidade de migrar.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *