773684En pleno mes de agosto faise pública unha nova que vai causar unha grande indignación social en Lugo, o centro comercial As Saamasas (Carrefour) pretende executar unha gasolineira no seu aparcadoiro. Para situármonos, este recinto, que xa foi duramente criticado polo nacionalismo durante a súa construción a principio dos anos 90, está situado a escasos 50 metros das beiras do río Miño, e a día de hoxe hai a pretensión de colocarlle unha estación de servizo. A empresa baséase nunha lei aprobada este ano polo goberno central no que permite a autorización directa aos centros comerciais para construír gasolineiras dentro dos seus espazos, e mentres tanto o “bo rollismo” do concello de Lugo cas grandes empresas situadas na cidade, fai ouvidos xordos lanzando a bola ao goberno de Madrid.

Mais alá da constante ameaza de ter uns depósitos con 100.000 litros de combustible na beira do Miño, están os constantes vertidos de gasolina e aceites que adoitan a haber na contorna destes lugares, os cales chegarán ao río con total facilidade, un río que lembremos xa se atopa moi danado por residuos tanto sólidos como líquidos. Tamén resulta curioso que a Confederación Hidrográfica leve poñendo durante varios anos problemas para a execución dunha zona de baño pública no río, xusto nas inmediacións do centro comercial, e non amose ningún tipo de reacción ante un negocio privado altamente contaminante.

O BNG xa levou esta cuestión ao pleno do concello no mes de agosto, e o 12 de setembro iniciou unha campaña social facendo unha convocatoria dunha cadea humana sobre o caneiro das Illas (situado na zona afectada), acción que daría lugar á constitución da plataforma “Miño si gasolineira non” na que participan diversos colectivos políticos, sociais, sindicais, medio ambientais, veciñais, xuvenís e estudantís de Lugo, e no que dende Galiza Nova pretendemos ter un papel activo co fin de paralizar esta aberración na que PP e PSOE elixiron estar con Carrefour, mentres que a xente de Lugo escolleu estar cun símbolo de noso como é o río Miño.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *