
Desprazarmonos ao noso centro de estudos ou ao noso posto de traballo é algo que precisamos facer cada día. Vivamos nunha cidade de 200.000 habitantes, nunha vila de 3.500 ou nunha aldea de 30. Todas nós temos necesidades, vivamos onde vivamos, e estas non deberían verse desatendidas por parte de quen nos goberna polo simple feito de residir no interior do país, onde hai menos poboación.
Resulta que, como nas aldeas “non hai xente”, non cómpren servizos. Mais este argumento, cunha mínima vontade de reflexión, desmóntase só: se as aldeas ou vilas máis pequenas da Galiza están cada vez máis despoboadas é, precisamente, pola falta dos servizos. Faltan recursos na sanidade, na educación e, de certo, no transporte público.
Que en pleno ano 2025 haxa localidades e vilas do interior do noso país completamente incomunicadas pola inexistencia dun sistema de transporte público de calidade é un sinal máis do pouco e mal facer das autoridades competentes, as cales se dedicaron nos últimos anos a desmantelar os xa escasos servizos existentes. Un desmantelamento totalmente consciente e consentido que se está a realizar sobre as nosas aldeas, parroquias e pequenos concellos por parte da Xunta de Galiza, gobernada por ese Partido Popular que tan pouco ten de popular e que só mira para os intereses dos seus.
Naquelas aldeas onde houbo algo de sorte aínda se pode optar a solicitar o servizo cando se queira empregar, mais sempre con dous ou tres días de antelación. Noutros moitos puntos do interior da Galiza o transporte público do que dispoñemos está supeditado á duración do curso escolar, pois é o autobús que leva as crianzas á escola ou ao instituto o único medio de transporte público que percorre as nosas estradas. Isto quere dicir que durante as fins de semana, os días festivos ou os períodos de vacacións ficamos xa sen ningunha opción que nos permita movérmonos libremente.
Por outra banda, as liñas de autobús que van das cidades ás vilas resultan tamén insuficientes, pois cada vez é maior a cantidade de xente que necesita empregar este servizo, ben porque está desprazada por estudos ou ben porque aumentou tamén o número de persoas retornadas ás súas localidades natais.
As mozas que nacemos e vivimos no rural deste país estamos fortemente condicionadas, xa que non contamos cos servizos básicos que garantan o noso dereito a nos desprazarmos de xeito libre e completamente autónomo polo noso propio país. Para todo o que nos poidamos imaxinar dependemos de dous factores. O primeiro é unha persoa que teña a dispoñibilidade da que nós precisamos e o segundo é algo máis privativo e que non está ao alcance da maioría: ter o permiso de conducir e un vehículo privado propio. Non dependemos, tristemente, do sistema de transporte público galego – como debería ser – porque a súa deficiencia, acusada na Galiza interior, convérteo en incapaz de cubrir as necesidades reais da xente.
A eiva na mobilidade prexudícanos a todas, independentemente da nosa ocupación ou da nosa ideoloxía. Así o demostraron as reivindicacións que fixemos as mozas e mozos do Barbanza, da Terra de Celanova ou da Baixa Limia organizadas en Galiza Nova. Fomos nós quen lle demos voz ao conxunto da sociedade dos nosos concellos e comarcas que precisan urxentemente un cambio. Xuntas demandamos a mellora dos servizos de transporte no noso territorio. E cal foi a resposta que nos deron as autoridades competentes?
As máis afortunadas obtivemos silencio. Unha vez máis. As menos, pola contra e por moi incrible que poida parecer, viron a súa petición denegada. A Xunta, gobernada polo Partido Popular – considera xa abondos e case sobrantes os servizos que existen hoxe en día. Aínda que sexan máis de dúas mil veciñas as que lle digan o contrario coa súa sinatura. Non lles importa o pobo nin as necesidades que teña. Non lles importamos.
Somos, pois, as propias veciñas quen sufrimos as consecuencias dun abandono total por parte do goberno da Xunta de Galiza, que continúa a actuar como se fose totalmente alleo á sociedade galega. As persoas que están a ocupar as nosas institucións están viradas de costas ao que se lles está a pedir dende calquera recuncho do país.
Canto tempo máis fará falta? Cantas sinaturas máis lles cómpren? Cantas localidades e vilas teñen que reclamar sen descanso os dereitos que lle están a ser negados? Non o sabemos.
Do que estamos certas é de que a mocidade de Galiza Nova seguiremos a loitar polo noso dereito a termos un servizo de transporte público de calidade que nos permita vivirmos nunha Galiza máis e mellor conectada, concello a concello, e non pararemos até o conseguir.