Queremos mobilidade para a nosa mocidade!

Galiza Nova rexistra, a través do BNG, iniciativas para conseguir a liña de bus tras acadar case 2000 apoios na súa campaña “Queremos mobilidade para a nosa mocidade

Membros de Galiza Nova Barbanza, xunto coa deputada comarcal, Rosana Pérez e a Secretaria Xeral de Galiza Nova, Marta Gómez; expuxeron esta segunda feira, en Rianxo na Parada de Setefogas, as preguntas para resposta oral na Comisión 2ª e a proposición non de lei para debate no pleno, relativo á inclusión na nova licitación da concesión de transporte público do Barbanza dun servizo entre os concellos da zona e a estación de ferrocarril ubicada en Catoira.

Por unha banda, Marta Gómez (Secretaria Xeral de GN), trasladou a gran necesidade desta iniciativa, que melloraría sen dúbida a mobilidade desta comarca, dándolle maior dinamismo tanto socialmente como economicamente. A parte de resolver un problema que padece en gran medida a mocidade (para trasladarse aos seus centros de estudo ou traballo), e que tamén atinxe en gran parte ao resto da veciñanza do Barbanza.

Por outra banda, Sarela Betanzos (membro de GN), defendeu a gran acollida que tipo por parte da cidadanía do Barbanza a campaña “QUEREMOS MOBILIDADE PARA A NOSA MOCIDADE”; iniciada o 11 de agosto e concluída o 1 de setembro; e que en tan só tres semanas, nas cales a militancia de Galiza Nova Barbanza, recorreu praias, festas, feiras, etc. foron quen de recadar dúas mil sinaturas.

Finalmente, Rosana Pérez (deputada pola comarca do Barbanza), expuxo que o 30 de novembro de 2023, a iniciativa do BNG e contando co acordo unánime do Parlamento, instábase ao Goberno a empregar todas as ferramentas incluídas no prego de cláusulas administrativas para a mellora na prestación do seu servizo público na comarca do Barbanza; con esta medida, buscábase garantir a prestación do servizo segundo as demandas e as necesidades das persoas usuarias. Sen dúbida, unha medida que satisface ao conxunto da cidadanía da comarca, despois de anos denunciando deficiencias e incumprimentos por parte da empresa concesionaria, deste servizo. En definitiva, de levarse a cabo, sería o comezo dun servizo de autobús ata o de agora inexistente, que conectaría os catro concellos desta comarca e a estación de ferrocarril de Catoira, con cando menos, dous horarios Catoira-Ribeira os venres, e outros dous Ribeira – Catoira o domingo; e que en función dos usuarios e usuarias da mesma, poderían ampliarse paulatinamente, tanto no referido aos horarios como ao número de prazas.

Tamén é acaído, considerar a necesaria conexión entre as dúas beiras da Ría de Arousa, co obxectivo de facilitar a mobilidade e a accesibilidade á mesma no conxunto do territorio. De non licitar esta nova concesión do servizo de transporte público na comarca do Barbanza, que outras fórmulas contempla o Goberno galego, para conectar ambas as dúas marxes da Ría de Arousa?