Mobilizacións perante un novo feminicidio na Coruña

O feminismo galego organizado vén de convocar mobilizacións nas distintas vilas e cidades do país ao confirmarse o que xa é o segundo feminicidio na Galiza no que vai de ano.

María Judite Martins Alves , de 57 anos, foi degolada polo seu cónxuxe o pasado mércores na Coruña. Desbótase por completo a idea que xurdiu nas primeiras horas de coñecerse o caso, nalgún sector da sociedade, de que o asasinato fose para pór fin ao sufrimento derivado dunha doenza. Degolar non é coidar nin acompañar.

Máis ca nunca é necesario seguir saíndo á rúa para denunciar todo tipo de violencia machista que se exerce sobre as mozas e mulleres, e condenar as políticas retrógradas do goberno que está a usar a crise como escusa para xustificar o desmantelamento de todos os servizos. Desde Galiza Nova acreditamos que non son casos illados, senón que responden a todo un entramado sistémico.

Reclamamos a fin de toda a violencia contra as mulleres e esiximos responsabilidades e medidas urxentes para acabar cos feminicidios, e animamos a toda a mocidade e sociedade en xeral a acudir ás concentracións convocadas para hoxe, venres 20, nos distintos lugares da Galiza.

QUERÉMONOS VIVAS! NIN UNHA MENOS!

Venres 20 xullo:

  • A Coruña, 20h no Obelisco
  • Compostela, 20h Praza 8 Marzo
  • Ferrol, 20h diante do Concello
  • Betanzos, 20h diante do Concello
  • As Pontes, 20h Praza do Hospital
  • Ponteareas, 21:30h diante dos Xulgados
  • Ourense, 20h na Castañeira (Subdelegación)
  • Lugo, 20h diante do Concello
  • Pontevedra, 20h diante da Audiencia Provincial
  • Vigo, 20h no Marco
  • Viveiro, 20h Praza da Fontenova
  • Ribadeo, 20.30h Praza 8 de Marzo