Mobilízate contra a discriminación. O noso Orgullo, a nosa loita!

Perante a conmemoración do día do Orgullo LBGT, desde Galiza Nova queremos manifestar o noso apoio diario ás iniciativas pola visibilización social e reivindicacións do colectivo LGTB na Galiza e en todo o mundo, e chamamos á participación da mocidade no acto simbólico que a nosa organización realizará este venres 28 ás 17.30 horas na Praza do Obradoiro (Santiago) para denunciarmos publicamente a discriminación que padecen mulleres e homes LGTB, mesmo en países considerados avanzados. Aínda fica moito traballo por facer para chegarmos a unha situación de normalidade, non abondando con mudanzas lexislativas que non vaian acompañadas de conscienciación e educación na diversidade e na tolerancia.

Os dereitos conseguidos nos últimos anos vense ameazados na Galiza co goberno do PP na Xunta e a súa ideoloxía conservadora, que vai da man de asociacións antiabortistas, a igrexa católica e colectivos que defenden unha sexualidade e modelo de familia considerados tradicionais, e que coas súas lexislacións tentan impornos a súa ideoloxía. Moitos son os estigmas aínda por derrubar e moitos tamén son os dereitos aínda por conquistar, como a posibilidade de adopción por parellas homosexuais, a despatoloxización da transexualidade que continúa a ser considerada pola Organización Mundial da Saúde como doenza mental, así como a posibilidade da reasignación de sexo libremente e de forma gratuíta a través do Servizo Galego de Saúde.

Por estes motivos, desde Galiza Nova tamén chamamos á participación na manifestación polo Día do Orgullo convocada pola Aosciación Nós Mesmas e que se terá lugar o vindeiro sábado 29, con saída ás 19.30 horas desde a Farola de Urzaiz, Vigo.